Ames activa a segunda edición de Galetiktokers, que vén con 600 euros en premios
xoves, 28 de outubro do 2021
Este
ano volve
o certame Galetiktokers, impulsado polos departamentos de Mocidade e
Normalización Lingüística do Concello de Ames co obxectivo de
dinamizar a creación de vídeos en galegos “con novos formatos e
temáticas”. Novamente o concurso porá o punto de mira na rede
social TikTok, un punto de encontro referencial da comunidade
galegofalante. A nova edición do Galetiktokers (a segunda) repartirá
600 euros en premios.
Foi
dada a coñecer este 27 de outubro pola concelleira de Mocidade e
Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, xunto ás
influencers e presentadoras Lucía Rodríguez e Fátima Pego.
Segundo fixo saber a edil, búscase aproveitar o “talento da xente
moza” para “espallar a nosa lingua”, con contidos audiovisuais
adaptados a elas e eles. Nesta edición poderá participar rapazada a
partir dos 13 anos de calquera parte do mundo, enviando o seu vídeo
e esta ficha de participación ao enderezo electrónico
galetiktokers21@gmail.com, ata o 19 de novembro. Repartiranse catro
premios de 150 euros nunha gala que se celebrará o 16 de decembro,
na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Pampín
tamén fixo sabes que nesta edición porase o foco na colaboración
de “figuras importantes das redes sociais galegas”, que servirán
para “aportar ese plus importante a este certame” e “axudar a
espallar a información para que non deixe de participar ninguén”.
A
concelleira e a organización buscan mellorar a participación con
respecto ao pasado ano, ampliando ademais a participación a persoas
de fóra do propio concello, iso si, “co foco na nosa lingua”.
Seguindo este fío, a concelleira explicou que “hai unha chea de
talento por todo o país de xente moza, e tratamos de aproveitalo e
de espallar a lingua, e de que cada vez sexan máis os vídeos e os
contidos audiovisuais e de creación en galego”. A presentadora e
instagramer, Fátima Pego, animou a todo o mundo a participar
e a valorar a importancia das comunidades na Rede: “Hai moitísimas
creadoras e creadores que están desexando sacar iso que levan
dentro, entón que se animen, que non pensen que o seu contido non é
o suficientemente bo, xa que ten o seu valor e todo suma a favor da
difusión da nosa lingua e de facer comunidade”. Pola súa banda,
Lucía Rodríguez engadiu: “É unha estupenda ocasión para
animalos a ser creativos, empregando a nosa música, o noso entorno
ou a natureza, e así demostrar que somos galetiktokers
e non só tiktokers normais”.
Categorías,
premios e xurado
Segundo
fixeron saber, no certame poden participar mozos e mozas a partir dos
13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A
primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as
idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17
anos. Como novidade da presente edición, pode participar calquera
persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.
O
concurso reparte catro premios de 150 euros, dous por categoría de
idade. Dous dos premios decidiraos o xurado que se nomee e os outros
dous escolleraos o público, dado que serán para as pezas
audiovisuais con máis gústame no perfil de Instagram da OMIX
de Ames (@omixames).
Os
vídeos creados para esta segunda edición do certame Galetiktokers
teñen que estar en lingua galega, e deben ser de creación propia a
través da aplicación TikTok, cunha duración de entre 15 e 60
segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de
xeito oral, escrito ou musical. A concelleira explicou que “a
temática é libre, polo que terán cabida no concurso pezas
relacionadas coa música, co humor, co baile, coa interpretación, co
deporte... ou con calquera outro tema”. Non se admitirán vídeos
que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.
Inscrición
e prazos
Para
participar no certame, cómpre enviar ao enderezo electrónico
galetiktokers21@gmail.com unha ficha
participación cuberta e asinada (PDF), ademais do propio vídeo
que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 19 de
novembro de 2021. A organización comprobará que se cumpren os
requisitos e validará a inscrición a través dun correo de
confirmación.
Todas
as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram da OMIX de Ames
(@omixames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para
determinar os premios do público será entre o 23 e o 30 de novembro
ás 23:59 horas. Para poder votar será necesario seguir o perfil de
Instagram da OMIX de Ames.
