Ames amplía os servizos dixitais municipais cunha nova aplicación móbil de deportes

luns, 4 de maio do 2026 S. P.

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, vén de desenvolver a aplicación móbil Deportes Concello de Ames, un novo aplicativo para a inscrición nas actividades deportivas, a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis, pádel...) e a tramitación dos distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais.
O Concello lembra que a dita plataforma dispón de versión online e en breve estará dispoñible na App Store e no Google Play, polo que terá versión para Android e iOS.
Logo de desenvolver o aplicativo Cronos, o Concello de Ames dá un paso máis na dixitalización dos servizos deportivos coa aplicación Deportes Concello de Ames. Esta plataforma permite aos usuarios e usuarias inscribirse nas actividades deportivas das Escolas deportivas municipais, facer a reserva dos distintos espazos deportivos (pistas de tenis e pádel), e tramitar os distintos tipos de carné de acceso para as piscinas descubertas municipais.
Accións como a xestión da porta de acceso aos recintos deportivos ou mesmo a activación das luces, poderán facerse “facilmente dende esta nova aplicación”, salientou o Concello, destacando tamén que a ferramenta “permite facer reservas de instalacións para outras persoas ou autorizar a outros usuarios e usuarias para que realicen reservas das pistas deportivas no noso nome”.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, foi a encargada de debullar as funcionalidades da app.