Ames avanza en goberno electrónico

luns, 3 de xullo do 2017 Redacción

Este ano 2017 pasará a historia por ser un dos anos máis activos, na nosa terra, en materia de iniciativas locais de goberno electrónico. Co comezo de verán, o proceso semella que non diminúe. Hoxe mesmo falamos en Código Cero do arrinque da iniciativa de Santiago e, agora, é a quenda dun concello lindeiro, o de Ames, que casualmente informou do estado de cousas do seu proxecto análogo o mesmo día có de Santiago, o venres 30 de xuño. Segundo fixo saber o Goberno de Ames, neste intre atópase mergullado nun proceso de modernización e de optimización dos seus sistemas e aplicacións informáticas. O obxecto destas melloras? Preparar o terreo dun ambicioso plan dixital para acadar unhas óptimas xestión e comunicacións municipais.
“O proxecto”, engadiu o Concello, “tamén pretende prestar uns servizos públicos de maior calidade ao cidadán, a empresas e colectivos especiais”. Dentro deste plan atópase a instalación da Administración Electrónica, proceso no que se está a traballar a través de dúas fases de implantación de novos procedementos dixitais.
Estas medidas, segundo explica o Consistorio, garantirán o cumprimento da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público. Ámbolos regulamentos supoñen un pulo á dixitalización dos entes públicos e establecen varias obrigas en torno á Administración Electrónica, como por exemplo a de dispoñeren das ferramentas e recursos precisos para garantir a relación dixital cos obrigados pola lei e coas persoas físicas que así o prefiran e a tramitación en liña dos expedientes.
O antes e o agora do proxecto de Ames
O proxecto de Ames remóntase a 2010, cando o Goberno local decidiu dar pasos firmes na integración das TIC creándose recursos como a sede electrónica do Concello de Ames ou a posta en marca do Sistema Integrado de Xestión Municipal (SIGEM). A partir dese punto foise implantando de maneira progresiva a xestión electrónica dos expedientes, co apoio e soporte tecnolóxico da Deputación da Coruña (cuxo obxectivo é achegar as administracións ao cidadán).
Dando continuidade a esta implantación da Administración Electrónica en Ames, o pasado mes de febreiro o Concello integrouse plenamente no Sistema de Interconexión de Rexistros (SIR), sendo un dos primeiros Gobernos locais en facelo. A integración neste sistema, por certo, implica que se poidan recibir e enviar escritos dos cidadáns dende o Concello de Ames a calquera das oficinas de rexistro adheridas ao sistema.
Amais de todo o devandito, na recta final de xuño comezou a funcionar a tramitación electrónica dos decretos da alcaldía, un procedemento pendente dende 2013 e que suporá, en palabras do Concello, “unha maior axilidade no traballo e posibilitará en breves datas a notificación telemática a particulares e empresas”.
Por certo que para preparar o terreo destas transformacións, o persoal do Concello de Ames participou recentemente nunha xornadas de formación onde se lles explicou as diferentes posibilidades que ofrecen estas aplicacións. A formación realizouse en grupos reducidos e en varias sesións.
Segundo engade o Goberno local, este mes de xuño incorporouse igualmente o sistema de portasinaturas. Isto axiliza o labor dos traballadores do Concello, que poderán obter sinaturas a través do dito sistema (dende calquera lugar e momento) cando tramiten os documentos de xeito electrónico. O Concello informou, a respecto do devandito, que o propio alcalde e a secretaria xa están a asinar de xeito electrónico a través deste portal dende mediados de xuño.
O alcalde e concelleiro de novas tecnoloxías, José Miñones, explica que "os avances incorporados nestes meses veranse incrementados en breve e levarán un investimento paralelo en equipamentos. Con todo esperamos poder conseguir axiña incorporar novos procedementos electrónicos para a cidadanía que posibiliten a relación co Concello dende as súas casas".