Ames avanza firme en eAdministración da man de Balidea

luns, 23 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames está a dar un forte impulso ao seu proxecto de Administración Electrónica, cuxos traballos comezaron en febreiro e cuxa cerna de actividade está o<code><code>rientada a ter unha mellor xestión e a achegar aos cidadáns o mellor servizo posíbel. O proxecto, que é duplo (oriéntase á mellora dos servizos públicos a través das novas tecnoloxías e, tamén, á implantación a nivel local do goberno electrónico), está a ser desenvolvido pola empresa galega Balidea, con sede principal en Santiago, unha das nosas máis referencias expertas en desenvolvementos, consultoría e solucións dixitais. Balidea, segundo informa o Concello, foi elixida por presentar a oferta económica máis vantaxosa.
Os traballos, co-financiados a través do programa europeo FEDER de Crecemento Sustentábel 014-2020, consisten na realización dunha auditoría na que se avalía a situación actual do Concello de Ames no ámbito dos sistemas de información das novas tecnoloxías. Dita auditoría, que abrangueu (entre outras cousas) unha análise pormenorizada do estado de madureza da Administración local en materia de dixitalización, foi entregada hai escasas semanas.

Plan Impulsa Ames

Dentro do Plan Impulsa Ames da estratexia DUSI, que está levando a cabo o Concello, existen catro grandes obxectivos estratéxicos. O primeiro para a mellora de acceso aos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración Electrónica. O segundo para facer de Ames “un concello integrador, ben comunicado con transporte público e privado”. O terceiro é “para converter Ames nun municipio sustentábel medioambientalmente, accesíbel en con calidade de vida para os seus veciños. O cuarto e último para “ancorar a poboación xuvenil”, brindándolles ferramentas atractivas para o seu lecer e cultura e facilitando o emprego por medio do emprendemento.
No pasado mes de febreiro comezaron os traballos correspondentes coa mellora dos servizos públicos a través das TIC e a implantación da Administración electrónica. O Concello de Ames lembra que estivo traballando no proceso de implantación da Administración Electrónica, a través dos servizos da Plataforma SIGEM da Deputación de Coruña. A empresa Balidea é, agora, a encargada de desenvolver dito proceso. A auditoría que se realizou estivo dividida en tres bloques. Por un lado no referente á Administración Electrónica, un segundo bloque no que se estudou a implantación da tarxeta cidadá e un terceiro no que está incluído o estudio da web actual e das aplicacións de uso para a veciñanza como son o programa Conciliames, o das Escolas Deportivas ou a propia Billeteira Electrónica. Ademais, dita empresa ofrecerá asesoramento e apoio avanzado, coa formación dunha oficina técnica, para a colaboración na redacción dos pregos necesarios para a contratación dos novos servizos que se consideren necesarios mellorar.
Nas conclusións de dita auditoría indícase que, tanto polo que respecta ao estado actual de implantación da eAdministración no Concello, como ao mercado de solucións tecnoloxías das que se dispón, considérase “obvio sinalar que o Concello debe dar un impulso importante ao proceso de implantación”, e que “en base aos criterios de decisión analizados, é recomendable optar pola implantación dunha nova solución”.
A decisión final por parte do Concello, especialmente polo que respecta a abrir un proceso de contratación pública, para “optar por unha solución distinta á actual provista pola Deputación da Coruña”, debe ter “moi en conta os riscos identificados e o plan de continxencia que se estea en condicións de aplicar para a súa correcta xestión e tratamento”.
Segundo as recomendacións da auditoría, o Concello levará a cabo o proceso de licitación dunha nova plataforma de eAdministración que permita “acadar os obxectivos marcados de cara á cidadanía, e de xeito interno de xestión documental”. Segundo fai saber o Goberno local, “este mesmo ano poñerase en marcha o proceso de licitación no que o Concello financiará integramente a través dos fondos DUSI”. O Executivo de Ames, de feito, agarda poder iniciar o vindeiro ano coa nova plataforma xa funcionando e co obxectivo de poder ofertar os novos servizos á cidadanía, que poderá a través da sede electrónica facer cousas como o seguimento dos expedientes así como tramitar electronicamente un elevado número de solicitudes que a día de hoxe non son posíbeis.

PUBLICIDADE