Ames celebra este sábado 23 a gala dos Premios Galetiktokers 2024
venres, 22 de novembro do 2024
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 23 de novembro, ás 19.00 horas, a gala de entrega de premios do V Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por quinto ano consecutivo e que ten como obxectivo “fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación”.
Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polos creadores de contido en galego, Nuria Grandío e Rodrigo Míguez, e amenizado polo rapeiro local Big Meu. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers24@gmail.com.
Entre as 39 pezas audiovisuais repartiranse seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) hai 29 vídeos admitidos. Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades.
Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público. Para seleccionar os vídeos gañadores, o xurado tivo en conta o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, e valoraron aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Nesta quinta edición o xurado estivo composto polos creadores de contido en redes Nuria Grandío López e Rodrigo Míguez Novoa xunto coa especialista en comunicación audiovisual Noelia Francisco Lens.