Ames celebra o talento da nova canteira audiovisual galega cos Premios Galetiktokers 2025

luns, 24 de novembro do 2025 S. P.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) acolleu a pasada fin de semana a gala de entrega de premios da sexta edición do certame Galetiktokers. Os contidos De onde veñen as cantigas?, A velada dos instrumentos, Pena da Moura, Ata os monstros falan (e cantan!) en galego, Dúas cousas poden acontecer e Patricio resultaron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2025. O evento estivo presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado polo grupo Sacha na Horta. Este ano presentáronse un total de 56 vídeos que foron creados por máis de 100 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. En total, sumáronse 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións entre tódolos vídeos.
Na Casa da Cultura de Bertamiráns
A gala celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns este sábado, 22 de novembro, organizada (xunto co certame mesmo) polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames co obxectivo de “estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers”.
Como dixemos, o evento estivo presentado pola actriz e presentadora Carlota Mosquera e amenizado polo grupo Sacha na Horta. Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos políticos municipais con representación na Corporación municipal.
O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “este certame encádrase dentro das moitas accións que o Concello de Ames realiza para poñer en valor o galego e fomentar o seu uso. O galego aporta valor engadido e que enchéramos TikTok e Instagram con máis de 50 vídeos cunha importante repercusión é proba diso”.
56 vídeos creados por máis de 100 mozos/as
Entre os 56 vídeos, presentadas por máis de 100 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia como Vilagarcía de Arousa, Ferrol, Ourense, Camariñas, Carnota, Pontevedra, Xinzo, etc, repartíronse seis premios de 300 euros, que suman un total de 1.800 euros. Nesta edición incrementouse considerablemente o número de vídeos creados, xa que na pasada edición de 2024 presentáronse 39 pezas audiovisuais.
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 28 vídeos que foron creados por máis de 70 participantes, mentres que na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) houbo outros 28 vídeos admitidos, realizados por 35 persoas. En total, sumáronse 20.970 gústame e máis de 500.000 visualizacións entre tódolos vídeos.
Nesta sexta edición o xurado estivo composto por Edit Iseo Agilda Bolaño, cantante e narradora oral, membro de varias formacións, entre outras Sacha na Horta; Noelia Francisco Lens, experta en comunicación e produción audiovisual; e Miguel Barbazán Lesta (@miguelblesta), creador de contido en galego, músico e mestre. En representación do Concello de Ames, actuou como secretaria a técnica de Mocidade e Información Xuvenil, Pilar Villaverde Cutrín.
Premios do xurado: primeira categoría
Na primeira categoría (mozas/os de 13 a 17 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle un premio de 300 euros a peza De onde veñen as cantigas?, de Irene Vázquez Calviño, Martín Vázquez Pérez e María Mato Vilar. O xurado valorou que “este vídeo destaca pola súa elevada calidade visual e sonora, así como pola montaxe, que amosa un coidado especial na selección e inserción das imaxes”.
Dentro desta mesma categoría tamén foi premiada con outros 300 euros a peza A velada dos instrumentos, de Joel Costa Bouzada, Manuel Liñeira Barcala e Miguel Airas Varela. Trátase dun vídeo musical que “destaca pola súa variedade de planos e de montaxe, e pola caracterización das persoas participantes nel”, salientou o xurado.
Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
-CultGZ (Sandra Torreira, Sara Muñiz e Saray Guzmán).
-Un día na nosa tenda (Mauro Castro).
-Test para saber cando de galeg@ es (Aroa Piñeiro, Pablo Camino, Thalia Rama e Celtia Lustres).
-Son Galego (Paula Ferro e Rocío Direito).
-Música en galego (Sophia Cueva, Inés Hombre, Fátima Blanco e Uxía Campos).
-Desmontando o racismo (Iago Jesús Turmero, Ares Piñeiro e Adrián Fernández).
Premios do xurado: segunda categoría
Na segunda categoría (mozos/as de 18 en adiante) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza Pena da Moura, de Candela Lola Battiato Miñones. “Esta peza destaca polo seu contido divulgativo e pola calidade lingüística do vídeo, a variedade de planos e a edición profesional da peza audiovisual”, salientou o xurado.
Nesta mesma categoría tamén foi galardoado cun premio de 300 euros o vídeo Ata os monstros falan (e cantan!) en galego, de Antía López Castro e Yolanda Casás Fuentes. “O vídeo amosa un destacado nivel técnico e estético, cunha produción moi coidada na que sobresae a dobraxe ao galego”, enxalzou o xurado.
Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
-Receitas para María (Lúa Trillo e María Trillo).
-O camiño dunha neofalante (Zulema Garrido).
-Mulleres arquitectas en Galicia (Ana Blanco).
-As mariscadoras (Antía Rodríguez).
-As Toupeiras (Consuelo Todeschini, Silvia Torres e Sonia Jean Vidal).
-Diversamente galegas (Ana Belén Otero e José Manuel Marín).
Premios do público
Os outros dous premios, escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames, foron na primeira categoría, o vídeo Dúas cousas poden acontecer, de Bruno Suárez Crespo, Damián Lage Guimil, Diego Paz Maneiro e Joel Aguilar Castrelo, cun total de 2.966 gústame; e na segunda categoría, a peza Patricio, de Chutenmeme, cun total de 1.207 gústame. Estas dúas creacións foron premiadas con 300 euros cada unha.