Ames celebra un obradoiro virtual para a rapazada sobre música e lingua

venres, 5 de xuño do 2020 S. P.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames, programa un obradoiro virtual de estimulación temperá, musical e lingüística para o próximo venres 12 de xuño. O obradoiro, impartido por Leticia Falcón ao abeiro da iniciativa Apego, desenvolverase en diferentes horarios segundo a idade das crianzas. As inscricións deberán facerse na conta normalizacion@concellodeames.gal. O prazo para facelo remata o próximo mércores 10 de xuño.
Segundo informa o Concello, os obradoiros virtuais de estimulación temperá teñen como obxectivo achegarlles a música e a lingua ás nenas e nenos, adaptándose a diferentes idades, movendo á participación e achegando música e directa con materiais que a rapazada ten nos seus fogares.
A sesión do obradoiro será a través da plataforma Jitsi Meet. Polo tanto, compre ter conexión a Internet e a aplicación descargada nun dispositivo electrónico, aínda que non é preciso rexistrarse. As familias recibirán unha clave para acceder á sesión na que estean inscritos, que durará aproximadamente 45 minutos.
O obradoiro desenvolverase o próximo venres 12 de xuño en diferentes horarios. A primeira sesión, ás 16.30 horas, para as familias con bebés de 0 a 1 ano (que aínda non anden) ou que estean agardando un bebé. A segunda sesión, ás 17.30 horas, está destinada ás familias con crianzas de 1 a 3 anos que xa camiñan. E xa por último ás 18.30 horas, unha sesión destinada ás familias con crianzas de 4 a 6 anos.

PUBLICIDADE