Ames e Vigo reciben este xoves as distincións de Cidades da Ciencia e a Innovación

mércores, 18 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Os concellos de Ames e Vigo van ser recoñecidos este xoves como Cidades da Ciencia e a Innovación, xunto con outros seis municipios do ámbito estatal (Onda, Benidorm, Paterna, Eibar, Castelló e Barcelona), todos eles gañadores da última convocatoria do certame. Os premios serán entregados en Castelló (Auditorio e Palacio de Congresos) este xoves 19 de setembro polo ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque. Os dous concellos galegos únense desta maneira á listaxe de territorios da nosa terra que tamén contan coa devandita distinción: Ribeira, Santiago e A Coruña. A nivel estatal, a listaxe está formada por 72 concellos.
Estes galardóns, segundo explica o Concello de Ames, premian a aquelas cidades que “realizan un importante esforzo para potenciar as infraestruturas innovadoras científicas, tecnolóxicas e sociais, o que permite despexar o camiño cara a un cambio de modelo económico”. Respecto do que representa a condecoración para os concellos, supoñen, en palabras do Goberno de Ames, “un incentivo máis para as cidades líderes que promoven investimentos en infraestruturas que redunden na sustentabilidade económica e melloren o patrón de crecemento baseado no coñecemento e a innovación”.
Os recoñecementos concédense atendendo a tres categorías, dependendo do número de habitantes; así, outórganse distincións para municipios de ata 20.000 habitantes; de 20.001 a 100.000; e de máis de 100.000 habitantes.
A resolución do 12 de abril de 2019, da Secretaría de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, xa deu conta desta concesión previa ao acto que terá lugar en Castelló este xoves 19 e acordou recoñecer a Ames, Benidorm (Alacante), Eibar (Guipúscoa), Onda (Castelló) e Paterna (Valencia) no que se refire a municipios de menos de 100.000 habitantes; e en canto a cidades de máis poboación, a distinción nesta ocasión foi para Barcelona, Castelló e Vigo.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, resalta o feito de que “Ames está aglutinando a presenza e implantación de importantes firmas tecnolóxicas que se concentran no parque empresarial do Milladoiro e queremos seguir apostando pola innovación tamén no eido municipal no que xa estamos traballando. O recoñecemento desta distinción danos folgos para dar continuidade a este proxecto”.

PUBLICIDADE