Ames estuda prolongar a actividade dos coworkers de A Proa nunhas novas instalacións

martes, 5 de novembro do 2024 S. P.

O Concello de Ames estuda opcións para ofrecerlles aos usuarios do coworking A Proa unhas novas instalacións onde poderen continuar coa súa actividade laboral. Así o fixeron saber este martes 5 de novembro o alcalde, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, durante o transcurso dunha xuntanza cos coworkers que fan uso do espazo colaborativo A Proa, que está situado na rúa das Hedras, no parque empresarial Novo Milladoiro.
Dito encontro realizouse co obxectivo de coñecer aos usuarios que levan menos dun ano empregando estas instalacións e retomar a comunicación cos que están no último ano de uso deste espazo municipal, cos que se compartiu a opción de usaren outras instalacións onde continuar a súa actividade laboral unha vez finalizados os dous anos que poden facer uso do coworking A Proa (cada coworker pode facer uso das instalacións da Proa durante un período de dous anos).
Por outra banda, dende o Concello estase traballando na elaboración do novo regulamento de funcionamento do espazo colaborativo A Proa, polo que se vai abrir un período para que os coworkers que así o desexen poidan presentar propostas de mellora.
O alcalde, Blas García, dixo que “Ames é un concello dinámico a nivel de programación cultural, non temos nada que envexarlle a ningún concello. Isto é debido a gran cantidade de xuventude que vive no noso concello. Nisto inflúe moito os servizos de conciliación que ofrecemos. Somos, xunto aos concellos de Oroso e Corcubión, os tres únicos concellos galegos con saldo vexetativo positivo. Ames ten unha actividade frenética e extensa, non dubidedes en trasladar calquera proxecto ou actividade que vexades que pode encaixar”.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “dende o Goberno municipal apostamos pola formación e o emprego. A nosa prioridade é traballar sempre con xente e empresas de Ames porque como sempre dicimos, en Ames témolo todo. Co espazo colaborativo A Proa quixemos dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial e pouco a pouco iremos vendo os froitos deste investimento”.
31 postos dos 36 existentes
Actualmente están ocupados 31 postos dos 36 existentes: Javier Rocamonde e Aurora Gil Méndez, de Marxe; Natalia Alvaredo, de Territorios Latentes; Carmen Freire e Dora Vieiro, de Aquelando SL; Álvaro Liste, de Serea Films; Luis Gerardo Pombo Pereira e Iría Brea Suárez, de Leiloio Internacional; Fernando Rodríguez Gómez, de Taller de Insomnio; Marcos Estévez Malvar e Sergio Ferradáns Ferreiro, de Amonte; Carlos López Ríos, de Gran Rural; José Luís Diéguez Pérez e Juan Manuel Rodríguez González, de Mundo Conexión; Juan Luís Magariños Lapido, de Vivir en el Ser; e Carolina Buján Diéguez, de A Masa.
Os sectores das empresas postas en marcha por estes coworkers son moi variados: arquitectura, economía circular, produción audiovisual, comercio internacional, agroforestal, plataformas web: actividades rurais, telecomunicacións, saúde mental e desenvolvemento persoal, e redes sociais.
Ademais, hai outros 15 postos ocupados polas persoas que desenvolven os 15 proxectos que forman parte do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para impulsar a nova produción audiovisual. Nesta primeira edición do Ames AV LAB, foron seleccionadas catro series, seis curtametraxes, tres longametraxes e dous documentais.
Na actualidade, nas instalacións do espazo colaborativo A Proa desenvólvense 26 proxectos, 11 por parte dos coworkers e 15 que se enmarcan dentro do Ames AV LAB.