Ames introduce á súa veciñanza nas vantaxes da eAdministración

mércores, 3 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Ames e a súa aula CeMIT veñen de dar a coñecer múltiples detalles sobre a actividade formativa da aula no ano que comeza, un completo programa de obradoiros destinados, en boa medida, a acurtar as distancias que poden separar á cidadanía das ferramentas dixitais, facendo fincapé en ámbitos como a Administración Electrónica. Trátase, máis en detalle, de tres cursos sobre as vantaxes que lle achega á veciñanza o feito de interactuar coas entidades públicas a través das ferramentas dixitais. Asemade, impartiranse cursos para adultos (Atopa na Rede e Android seguro para pais e nais) e para nenos/as de informática e mecanografía.
Respecto do ciclo de actividades sobre eAdministración, o primeiro curso, denominado DNI electrónico e certificados dixitais, impartirase do 9 ao 16 de xaneiro, os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas. Introducirá aos participantes nos métodos para tirar proveito do DNIe, que dispón dun chip que nos permite identificarnos online e acceder a moitos recursos e trámites a través de Internet.
O segundo curso que se inclúe dentro deste ciclo chámase Trámites electrónicos e xestión de información. Esta actividade impartirase os martes e xoves, en horario de 10:00 a 11:30 horas, dende o 18 ata o 23 de xaneiro. Neste curso afondarase un pouco máis nos trámites electrónicos e coñeceranse as ferramentas que existen ademais do DNIe e do certificado dixital. O terceiro e último curso do ciclo é Trámites electrónicos co Concello de Ames. Impartirase os martes e xoves, de 10:00 a 11:30 horas, do 25 ao 30 de xaneiro.
Por outra banda, durante o mes de xaneiro impártense dous cursos para adultos. O primeiro, Atopa na Rede, desenvolverase do 8 ao 17 de xaneiro, os luns e mércores, de 18:15 a 19:45 horas. Segundo informa a aula, esta actividade ofrecerase información sobre os buscadores que ofrecen a posibilidade de facer unha busca avanzada mediante operadores, filtros, distintas seccións de busca, respostas rápidas. Ademais, achegarase o obradoiro Android seguro para pais e nais, os mércores 24 e 31 de xaneiro, en horario de 18:15 a 19:45 horas. O obxectivo é “que os pais e nais coñezan as plataformas móbiles ás que acceden os seus fillos/as para poder ter certo control sobre o seu uso”.
A maiores de todo o devandito, as crianzas tamén poderán acudir as actividades da aula de Ames drante este mes de xaneiro. Do 9 de xaneiro ao 13 de febreiro haberá un curso de informática para nenos/as. Impartirase os martes, en horario de 18:15 a 19:45horas. Trátase dunha actividade de iniciación ao universo dixital no que os nenos/as aprenderán a usar o rato e mailo teclado. Ademais aprenderán a empregar as xanelas, carpetas e documentos creados por eles mesmos, e introduciranse en como facer buscas por Internet.
Outro dos cursos dirixidos aos nenos/as é o de mecanografía que se desenvolverá do 11 de xaneiro ao 15 de febreiro. É un curso de introdución e práctica co teclado de 45 minutos por sesión. Ideal tanto para iniciarse como para repetir curso e continuar mellorando. Haberá dous grupos: un para a menores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 18:15 a 19:00 horas) e outro para maiores de 10 anos (impartiranse as clases os xoves de 19:00 a 19:45 horas).

PUBLICIDADE