Ames lanza o proxecto para unha web máis próxima, responsive e accesíbel

luns, 24 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames vén de sacar a licitación o desenvolvemento e xestión da nova web municipal. O obxectivo da iniciativa é achegar unha información máis próxima á veciñanza, permitir o “acceso plenamente funcional á web mediante dispositivos móbiles” (deseño responsive), modernizar o deseño e procurar, tamén, a accesibilidade universal. Ademais, tamén se busca integrar a web coas redes sociais e facilitar o traballo de xestión e administración do sitio. Dáse a gran novidade de que na licitación para actualizar a web local, o Concello empregou por vez primeira o procedemento aberto simplificado.
E que significa o procedemento aberto simplificado? Pois trátase dunha incorporación recente á nova Lei de Contratos do Sector Público que fai máis sinxela e áxil a contratación dun servizo, acelerando a tramitación e reducindo trámites e prazos. Para este caso concreto, o que se busca é que o proceso de remodelación da web local se leve a cabo o antes posíbel e da maneira máis eficaz.
A licitación para web do Concello de Ames, publicada na Plataforma de Contratos do Estado, abrangue os servizos de deseño, posta en marcha, mantemento e hospedaxe da web, cun orzamento de case 37.000 euros. O contrato poderá ser prorrogado por outros dous anos (un mais un). As empresas interesadas dispoñen de 15 días naturais para presentaren ofertas (ata o 3 de outubro de 2018).
A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, destaca que “un concello dinámico e novo como Ames necesita canles de información e comunicación adaptadas ao século XXI e aos hábitos da veciñanza, que utiliza de forma masiva as novas tecnoloxías, as redes sociais, os móbiles”. Segundo engadiu, a web municipal actual “non responde a esas demandas”, polo que é preciso pór en marcha un recurso novo que posibilite “un mellor acceso aos diversos trámites e xestións”. Tamén explicou que os traballos de modernización tecnolóxica acadarán meirandes azos co “empurrón” que os fondos europeos que financian a Estratexia DUSI Impulsa Ames achegarán á sede electrónica ao longo destes dous anos.
A licitación, entre outras cousas, estipula que a páxina se basee en tecnoloxías abertas e que “estea orientada aos usuarios”, cun deseño inicial que facilite a rápida localización da información e o acceso a trámites e servizos. O contrato tamén esixe que sexa accesíbel para persoas usuarias con dificultades visuais, auditivas, dislexia e as incluídas no espectro do autismo.

PUBLICIDADE