Ames pon a disposición da cidadanía dous meses ateigados de obradoiros TIC
martes, 29 de outubro do 2019
O
Concello
de Ames informou hoxe dos detalles do programa de información
informática da aula CeMIT local ao longo deses meses de novembro e
decembro, un programa “repleto de actividades” que dará
continuidade a certas liñas xa iniciadas previamente (o ciclo de
Ofimática, poñendo o foco, desta volta, na creación de
presentacións con LibreOffice Impress) e presentará novidades
formativas nos seguintes eidos: móbiles, eAdministración, edición
de imaxes ou compras seguras a través de Internet. Ademais en
decembro tamén haberá un novo nivel no curso de informática para
menores de idade.
Respecto
dos cursos de LibreOffice Impress e de manexo básico de móbiles xa
teñen as prazas cubertas pero, segundo informa o Concello, a
cidadanía ten a posibilidade de apuntarse na listaxe de agarda.
Xa
na segunda quincena do mes de novembro celebraranse as xornadas Crea
o teu blog!, que se centra na plataforma Blogger e a importancia
do caderno dixital como medio de comunicación básico que “nos
ceiba da dependencia das redes sociais á hora de comunicarnos co
noso público”. Para consultar días e horarios para esta e as
seguintes actividades de novembro pódese visitar a ligazón
específica habilitada pola aula CeMIT local.
Tamén
se desenvolverán en novembro dous ciclos de empregabilidade. Crea
o teu CV! e Busca de emprego a través de Internet, que se
centrarán na mellora do proceso de busca de emprego mediante a
creación dun currículo adaptado ás necesidades, así como no
desenvolvemento de habilidades de busca de emprego a través da rede.
No
último mes do ano, desenvolveranse xornadas de edición de imaxes co
programa GIMP, para entender as súas bases e comezar a desenvolver
técnicas de retoque e tratamento de imaxes. Amais, con motivo da
proximidade das festas de Nadal, celebrarase un curso sobre como
realizar compras seguras a través de Internet. Por outra banda, o
martes 10, mércores 11 e xoves 12 brindarase á cidadanía do
concello a posibilidade de afondar na Administración Electrónica
(eAdministración), “rompendo as barreiras que existen para
converternos en verdadeiros cidadáns dixitais”.
Durante
o mes de decembro tamén dará comezo un curso de informática de
nivel medio para os máis pequenos. Desta maneira os rapaces e
rapazas afondarán no manexo do correo electrónico e ferramentas
básicas para os estudantes coma Wikipedia, Calendario ou Google
Drive. Será dende o 3 ao 19 de decembro.
O
Concello tamén informa de que aula CeMIT ofrece a posibilidade de
presenciar videoconferencias con distintos departamentos para
“ofrecer charlas sobre temas relacionados coa tecnoloxía ou os
dereitos do consumidor”. A do mes de novembro será o luns 4, de
12.00 a 13.00 horas, ofrecida pola Escola Galega de Consumo. Estará
centrada no servizo técnico de asistencia que se ofrecen nos seguros
de fogar e os propios de aparellos como caldeiras ou lavadoras.
