Ames presenta a cuarta edición do seu Premio Lingua e Empresa

martes, 19 de outubro do 2021 S. P.

O Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica do Concello de Ames puxeron en marcha a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa, co obxectivo de promover o uso da lingua galega na actividade económica do termo municipal, máis polo miúdo na actividade empresarial. O galardón, que o ano pasado recaeu en Grupo Código Cero Comunicación e en Ollar, está a disposición das empresas con sede ou centro de actividade no concello e vén con dúas categorías. O premio Lingua e Empresa ten unha dotación económica de 3.000 euros.
O salón de plenos do Concello de Ames acolleu na mañá deste 18 de outubro a presentación da cuarta edición do Premio Lingua e Empresa. Ao acto asistiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín e a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz.
Como dixemos, a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa ten dúas categorías. A primeira para premiar a aquelas empresas que teñen un uso consolidado do galego dende hai máis de dous anos. E a segunda que recoñece a aquelas empresas que se crearon nos dous últimos anos ou que empregan o galego dende esa mesma data.
O premio Lingua e Empresa terá unha dotación económica de 3.000 euros; 1.500 euros en cada unha das categorías, ademais dunha campaña de difusión das empresas gañadoras da radio municipal, Ames Radio.
A concelleira de Normalización lingüística, Escarlata Pampín, manifestou que “a idea é levar o galego a todos os recunchos a través deste premio para poñer de manifesto que o galego é un claro elemento diferenciador e que o galego sempre suma”. E engadiu “agardamos que a participación sexa un éxito e que as empresas se decanten pola opción de diferenciarse e aportar á súa empresa calidade e confianza que creo que son os valores que aporta o galego no tecido empresarial e comercial”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou “o uso do galego non é un obstáculo senón un aspecto positivo de diferenciación no comercio”. E incidiu “a través desta iniciativa queremos implicar ás empresas de comercio e hostalaría no uso do noso galego na súa atención ao cliente, na relación comercial e no trato coa xente, así como aplicalo ás novas tecnoloxías”.
A técnica do Departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, engadiu “temos por diante un mes para que as empresas poidan presentar as súas candidaturas e tanto eu como o Técnico de Promoción Económica quedamos á disposición de todos os participantes para resolver dúbidas ou trasladar a información que precisen”.
O técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, trasladou “estamos encantados de colaborar outro ano máis con Normalización Lingüística neste proxecto. Entendemos que é moi importante que as empresas empreguen o galego con carácter diferenciador e debemos incentivalo”.
Prazo e forma de presentación
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 16 de novembro de 2020. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten.
As candidaturas presentaranse de xeito telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode presentar, con cita previa, esta ficha de inscrición na Oficina de Rexistro Xeral en Bertamiráns ou na Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, das 9.00 ás 14.00 horas, con cita previa.

PUBLICIDADE