Ames reivindica nun documental a súa bagaxe como factoría de contidos en galego

mércores, 19 de novembro do 2025 S. P.

Este luns, 17 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolleu a estrea de Promover o galego dende o local, documental sobre varios programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as iniciativas que se levan desenvolvendo estes últimos anos en Ames para impulsar e promover o uso do galego en amplos ámbitos a través de proxectos como o concurso de contidos dixitais Galetiktokers, o programa Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.
Como dixemos, o documental Promover o galego dende o local puido visualizarse por primeira vez ao público xeral este luns, 17 de novembro, no auditorio do Milladoiro. A peza ten como obxectivo “dar visibilidade ao traballo que se realiza desde as Administracións locais para fomentar o uso da lingua galega”.
A dita estrea acudiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, en representación da RAG, María López Sández; e a directora e guionista do documental de Nós Televisión, Ana Viqueira. Tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras do goberno municipal, do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego, xunto con persoas que participaron no documental.
Tanto o alcalde de Ames, Blas García, como o secretario xeral da Lingua, Valentín García, coincidiron “na importancia da área de Normalización nos concellos” e “na necesidade de que os alcaldes e alcaldesas asuman esta responsabilidade”, como é o caso do Concello de Ames, para deste xeito darlle o peso que realmente merece.
Por outra banda tamén se puxo en valor o proxecto Modo Galego, actívao!, programa pioneiro en Ames que moitos concellos estudan implantar para fomentar o uso do galego na nenez. A académica da RAG, María López Sández, puxo en valor a posta en marcha deste proxecto en concreto, pois “Ames funcionou como espazo onde pilotar e poder exportar este proxecto a outros concellos. O galego é un asunto de país pero a acción da Administración local para o galego é moi importante e”. Así, subliñou que “o documental permite ver unha acción de conxunto ante a lingua de forma coherente e coordinada, tendo implicación en varios ámbitos, algo fundamental para poder difundir este modelo a outras zonas”.
Por outro lado, a directora e guionista do documental, Ana Viqueira, destacou que a gran satisfacción que supón para o equipo de presentar un audiovisual que aborda a situación da lingua e de como promover o galego dende a institución máis próxima a nós. Ademais, na súa intervención, tamén explicou a escolla de Ames para desenvolver o documental, “nas últimas tres décadas este municipio triplicou a súa poboación, tendo unha taxa moi alta de xente nova e de xente que naceu fóra. É un concello que leva moito tempo apostando por políticas de normalización da lingua serias e comprometidas. Un concello que ao longo do ano organiza moitos programas, convocatorias e iniciativas para promover o noso idioma e no documental fálase precisamente diso”.
O documental conta coa participación do alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; a ex-concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras; e a técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.
Tamén participaron Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.
A partir deste sábado, 22 de novembro, o documental tamén poderá visualizarse na canle de Youtube de Nós Televisión, na canle número 9 de R en toda Galicia e na plataforma Movistar Plus+ no resto de España.
O documental ten unha duración de 37 minutos. A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey. Da dirección, guión e produción ocupouse Ana Viqueira, mentres que da realización encargouse Martín Rodríguez e Diego Frey. Manuel Expósito realizou traballos de axudante de realización e da edición e montaxe ocupouse Martín Rodríguez. O deseño de grafismos e creatividades foi traballo de Roi Barros; e os operadores de Cámara e iluminación foron Pio Cribeiro, Roi Barros, Martín Rodríguez e Manuel Expósito. Ademais contouse con imaxes de dron grazas ao traballo de Pio Cribeiro, e a locución de voz en off fíxoa Xiana Arias.