Amigas da Terra celebra un Repair Café na ETSE da USC este xoves 19 de outubro

xoves, 19 de outubro do 2023 S. P.

O próximo 21 de outubro celébrase o Día Internacional da Reparación con centos de eventos en todo o mundo. O colectivo Amigas da Terra súmase á cita, que se celebra cada ano o terceiro sábado de outubro baixo o lema Dereito a reparar para todas, como parte da plataforma europea Right to Repair da que forma parte.
Deste xeito, do 18 ao 27 de outubro os grupos locais da asociación ecoloxista organizan obradoiros (Repair Cafés) por todo o territorio español, talleres para alongar a vida útil de diferentes obxectos, non só tecnolóxicos e electrónicos, aínda que estes son en parte protagonistas. Nestas xeiras de traballo participativo, argalleiro e maker as persoas asistentes compartirán experiencias e coñecementos para fomentar a práctica da reparación e “reivindicar o dereito para reparar”, explican dende Amigas da Terra, engadindo que nos obradoiros arranxaranse obxectos variados desde equipos informáticos, aparellos eléctricos e electrónicos ata roupa ou bicicletas.
“O obxectivo deste día é demostrar aos gobernos que o dereito para reparar debería ser un dereito universal accesible e alcanzábel por norma para todas as persoas”, explica o colectivo.
Unha destas citas terá lugar no vestíbulo xunto a cafetería da Escola Técnica Superior de Enxeñaría do Campus Vida (Campus Sur) da Universidade de Santiago. O Repair Café compostelán será este xoves 19 de outubro ás 16:30.
Os Repair Café son espazos informais de reparación, de encontro, de libre acceso, de intercambio de saber e “de loita contra a cultura de usar e tirar”, explican dende Amigas da Terra, engadindo que do que se trata é arranxar e dar segundas e terceiras vidas a pezas, electrodomésticos, electrónica, xoguetes etc.

PUBLICIDADE