Amigus celebra a edición 2024 do seu Campamento de Tecnoloxía entre o 19 e o 23 de agosto
luns, 15 de xullo do 2024
A Asociación Amigus, entidade das Pontes centrada na divulgación activa das tecnoloxías libres, creativas e participativas, vai organizar entre o 19 e o 23 de agosto, no Local do Pulpo da dita vila, a edición 2024 do seu Campamento de Ciencia e Tecnoloxía.
Este ano a actividade presentará dous cambios: primeiro, que se traslada do habitual Lar ó Local do Pulpo, a carón do parque da Fraga, e, segundo, que atrasa a súa celebración ata a terceira semana de Agosto, agardando que “isto non sexa un inconveniente para a participación dos rapaces e rapazas”, sinalan dende a asociación.
O campamento terá unha duración de 5 días, de luns a venres, en horario de 9 a 14h horas.
Grazas a este campamento as rapazas e rapaces entre 5 e 14 anos poderán “descubrir a ciencia na cociña, aprenderen interactivamente sobre botánica, ou descubrir sobre o cosmos no planetario inchábel”. Tamén programarán e montarán distintas placas de programación, farán experimentos ou mesmo trabalos manuais. Ademais, este ano contarase cunha actividade de realidade virtual.