Amigus e EuroEume organizan en agosto un obradoiro familiar sobre modelado e Impresión 3D

mércores, 10 de agosto do 2022 S. P.

A Asociación Informática Amigus, a través dos seus Amigus Labs, vai organizar este mes de agosto na vila das Pontes (no 14 da rúa do Hospital) unha nova actividade de formación e divulgación creativa arredor das tecnoloxías abertas e argalleiras (maker). Trátase dun Obradoiro de Modelado e Impresión 3D previsto para os vindeiros 25 e 26 de agosto, organizado por EuroEume e a Asociación Informática Amigus.
Este curso de introdución á impresión 3D oriéntase a principiantes que non están familiarizados coa Impresión 3D e que queren introducirse nesta tecnoloxía. Segundo informan fontes de Amigus, non será preciso ningún coñecemento anterior para tirar proveito do taller. Trátase ademais “dunha actividade conxunta, na que participen os pais e nais coas fillas e fillos”, sinalan dende a asociación.
O curso é gratuíto, dado que é unha actividade enmarcada no Programa O Noso Espazo, da Asociación Euroeume, financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF
As inscricións formalizaranse por orde de rexistro na web dos Amigus Labs.

PUBLICIDADE