Amigus organiza a partir do 27 de xullo un campamento científico-tecnolóxico para a rapazada

mércores, 15 de xullo do 2020 S. P.

Novamente As Pontes vai ser estes días de lecer estival un referente en tecnoloxías para crear, compartir e divulgar. Estamos a falar do Campamento de Ciencia e Tecnoloxía que se desenvolve entre os días 27 e 31 de xullo, no Lar de Endesa nas Pontes, da man da Asociación Informática Amigus en colaboración con Ciencia Kids. O campamento, unha actividade dos obradoiros Amigus Kids Labs, celebrarase en horario de 9.00 a 14.00 e está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, e ten un prezo de inscrición de 50 €.
No campamento as e os participantes realizarán obradoiros de robótica, impresión 3D, enxeñaría, experimentos de química, física, botánica, bioloxía e ciencia na cociña. Serán actividades de creación e participación de espírito maker e argalleiro, participativas e innovadoras, moi adaptadas para as idades ás que van dirixidas.
O obxectivo, sinalan dende Amigus, é proporcionar á rapazada unha base de pensamento lóxico dedutivo, con iniciativas que esperten o seu interese pola ciencia e a investigación, “favorecendo o desenvolvemento da nosa sociedade”. Outra das características dos obradoiros é que serán interactivos e incluirán experimentos científicos axustados en contidos que todos os participantes poderán levar a cabo: “Coa realización destes experimentos foméntase o traballo en equipo, a elaboración de hipótese e a experimentación con materiais, para despois desenvolver pensamentos que boten á luz o que sucede e así reflexionar sobre os resultados”, explican dende a organización.
Quen precise máis información sobre o campamento tena na páxina web dos Amigus Labs.

PUBLICIDADE