Amosan o interior da PlayStation 5 para confirmar que será unha consola silenciosa

mércores, 7 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Non será até o mes que vén cando a PlayStation 5 chegará ás tendas, pero dende Sony queren adiantarse aos medios especializados en desmontaxe de produto e aproveitar o desvelado de detalles técnicos como un xeito de tranquilizar aos futuros consumidores, de aí que publicasen un vídeo no que desmontan completamente unha das súas futuras consolas como un xeito de xustificar o seu xigantesco tamaño, que basicamente responde a un único motivo: favorecer unha refrixeración eficiente e silenciosa.
As consolas PS4 e PS4 Pro foron moi criticadas polo seu nivel de ruído, que chega a ser un problema en consolas con bastantes meses de uso e durante partidas a xogos esixentes, combinación que provoca que os ventiladores da máquina estean a tope durante o seu uso, provocando un nivel de ruído difícil de aturar, o que podería converterse en todo un inferno se na seguinte xeración de consolas, aínda máis potentes, non se tomasen medidas, e por fin os seareiros de PlayStation poden respirar tranquilos ao comprobar que a PlayStation 5 está equipada con xigantescos disipadores de calor, canles de ventilación que favorecen a circulación de aire e incluso espazos para reter o polvo de xeito que a máquina será doada de limpar (evitando que os ventiladores internos fallen pola acumulación de polvo). Outro detalle curioso é que amosan unha rañura M.2 para unidades de almacenamento PCIe 4.0, ou sexa, que será posible ampliar o espazo interno da consola (aínda que cómpre lembrar que estas unidades de almacenamento de alta velocidade aínda son extremadamente caras).
Curiosamente o almacenamento principal da PS5 non é unha memoria SSD en formato tradicional, senón que ten un deseño personalizado e este elemento está soldado directamente na placa base da máquina, de xeito que recibe un tratamento semellante á memoria RAM ou ao procesador, en vez de verse como un elemento externo.
Como detalle final pode indicarse que hai un parafuso que permite soltar o soporte da consola para recolocalo e mudar a súa disposición entre vertical e horizontal, algo que pode resulta un tanto curioso, xa que en anteriores consolas non era preciso nada semellante para mudar a orientación do dispositivo.

Vídeo no que podemos ver en detalle o interior da PlayStation 5

PUBLICIDADE