Amosan varios dos xefes finais de Metal Gear Rising: Revengeance

venres, 18 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

No mes de febreiro Konami achegará o xogo Metal Gear Rising: Revengeance, que retoma a franquía de Metal Gear Solid, pero deixando de lado o personaxe de Snake e centrándose en Raiden para ofrecer unha aventura de máis acción no que os cortes con katana parecen ser o seu principal expoñente, e que parece ter un acabado magnífico grazas a que o desenvolvemento deste título externalizouse aos estudos de Platinum Games.
Aínda que o xogo non chegará ás tendas o 22 de febreiro, o vindeiro día 23 estará dispoñible en Xbox LIVE e PlayStation Network unha versión de demostración con 3 fases de Revengeance, e para crear aínda máis expectación sobre este espectacular título, veñen de publicar un vídeo no que vemos a 4 dos xefes finais que aparecerán no mesmo, que non son outro que Mistral (inimiga que fai uso de varios brazos cibernéticos), Sundowner (un rival que promete ser brutal), Monsoon (un curioso home que pode separar o seu corpo en pequenas partes que volven a xuntarse automaticamente) e Samuel (un personaxe do que aínda sabemos pouco, pero que parece quere aspirar a ser o derradeiro rival ao que terá que enfrontarse o protagonista), que prometen ser o suficientemente variados e carismáticos para que o xogo non pase ao esquecemento.


Vídeo no que presentan a varios dos xefes finais do xogo desenvolvido por Platinum Games

PUBLICIDADE