Amosan varios xogos third party que chegarán a Xbox Series X

xoves, 7 de maio do 2020 Marcus Fernández

A ausencia de feiras de videoxogos presenciais permiten ás compañías dosificar os seus anuncios de cara á nova xeración de consolas, e no caso de Microsoft tivo lugar hoxe un Inside Xbox, retransmisión na que ofreceron unha primeira vista a 13 xogos que estarán dispoñibles para Xbox Series X que son de estudios alleos á compañía de Redmond, esperándose que as grandes franquías de Xbox amosen as súas cartas a primeiros do verán.
Todos os xogos presentados hoxe gozan de optimización para Xbox Series X, ou sexa, que poderán funcionar en 4K até a 120 imaxes por segundo, aproveitarán o DirectStorage e o raytracing baseado en DirectX, terán tempos de carga moi reducidos e moitas outras características propias da nova xeración de consolas. Boa parte deste xogos tamén contarán con Smart Delivery, característica que permite que só haxa que mercar os xogos unha vez, de xeito que os usuarios recibirán a versión propia da consolas que teñan a cada momento, co que buscan que os posuidores dunha Xbox One merque ese tipo de xogos para Xbox coa esperanza de poder gozar de versións melloradas graficamente cando dean o salto a Xbox Series X sen ter que volver pasar por caixa.
O xogo máis importante do Inside Xbox foi claramente Assassin’s Creed Valhalla de Ubisoft, compañía que aproveitou a ocasión para estrear un tráiler do xogo no que podemos ver a súa xogabilidade; aínda que tamén chamou bastante a atención Yakuza: Like a Dragon, por ser unha nova aproximación ao universo de Yakuza que estará entre os xogos de lanzamento de Xbox Series X, que chegará simultaneamente a Xbox One e PC.
Outros xogos que amosaron hoxe foron Bright Memory Infinite de Playism, Call of the Sea de Raw Fury, Chorus de Deep Silver, DiRT 5 de Codemasters, Madden NFL 21 de Electronic Arts, Scarlet Nexus de Bandai Namco, Scorn de Ebb, Second Extinction de Systemic Reaction, The Ascent de Neon Giant/Curve Digital, The Medium de Bloober Team, e Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2 de Paradox Interactive.

Vídeo de Inside Xbox no que amosan 13 dos primeiros xogos confirmados para a vindeira xeración de consolas

PUBLICIDADE