Amparo Alonso, Vicente Moret, Paco Nathan e Ignacio Cirac participarán no Coruña Innovate Summit

luns, 6 de xuño do 2022 S. P.

Os días 16 e 17 de xuño celebrarase na Coruña o congreso Corunna Innovate Summit. Será na Fundación Barrié e contarase (entre outros) coa presenza dos investigadores Amparo Alonso, Vicente Moret, Paco Nathan e Ignacio Cirac, Premio Príncipe de Asturias.
Porase o foco en asuntos como a relación entre Intelixencia Artificial e sustentabilidade. Da relación entre estes dous ámbitos de acción falará Amparo Alonso Betanzos, líder do grupo LIDA (Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial) do CITIC e a UDC. Alonso Betanzos achegará o relatorio Economía baixa en carbono e Intelixencia Artificial. Intelixencia Artificial e Sustentabilidade. A inscrición e asistencia no Corunna Innovate Summit son gratuítas.
Pola súa banda, Vicente Moret, tamén investigador do grupo LIDA, estará a presentar o proxecto NEASQC, que reúne a empresas e laboratorios de investigación para desenvolver avances en computación cuántica. Algúns dos seus resultados tamén son aplicábeis a cuestións ambientais, por exemplo á mobilidade eléctrica (optimizando a carga de vehículos) ou á recuperación de carbono para reverter a contaminación atmosférica. Outras ramas de NEASQC son a integración da computación cuántica no descubrimento de fármacos ou en oncoloxía, para a detección do cancro de mama.
O Corunna Innovate Summit, un evento sobre a revolución dixital organizado por DataSpartan, reunirá tamén a expertos internacionais en Intelixencia Artificial, a análise da información masiva (Big Data) e computación de alto rendemento. Contará con relatores da talla de Ignacio Cirac, especialista da computación cuántica e Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 2006, e Paco Nathan, un dos maiores expertos en Big Data do mundo.

PUBLICIDADE