Amparo Alonso analizou a Estratexia Española de IA no seminario sobre ética e tecnoloxías intelixentes de Santiago
luns, 10 de novembro do 2025
A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, foi unha das participantes destacadas no seminario sobre ética e intelixencia artificial organizado polo Arcebispado de Santiago en colaboración co empresariado galego, e que reuniu en Santiago a máis de duascentas persoas empresarias, directivas, expertas e profesionais do ámbito académico e científico. A catedrática da UDC analizou a Estratexia Española de IA nu relatorio na que se abordaron cuestións relacionadas coa gobernanza, o coñecemento, a educación e os valores.
Amparo Alonso compartiu mesa de debate co director do CiTIUS, Senén Barro; Teresa Rodríguez de las Heras, integrante do grupo de expertos en IA da Comisión Europea; e Ulises Cortés, profesor do Barcelona Supercomputing Center e especialista en tecnoloxías intelixentes.
Todos eles coincidiron na necesidade de impulsar unha intelixencia artificial centrada nas persoas, capaz de equilibrar a innovación tecnolóxica coa responsabilidade ética e social.
Desde distintas perspectivas —a investigación e o desenvolvemento científico, a estratexia nacional, a regulación xurídica e a formación en valores—, os relatores subliñaron que “o futuro da IA pasa por unha gobernanza sólida, unha educación que fomente o pensamento crítico e unha cooperación entre a ciencia, o dereito e a cidadanía, co obxectivo de garantir un progreso verdadeiramente humano e sustentable”.
Máis de duascentas persoas reuníronse o pasado 7 de novembro na Hospedería de San Martín Pinario, en Santiago de Compostela, para debater e dialogar sobre Ética e IA: ¿Cambia ou transcende á persoa?. O encontro, promovido polo Arcebispado de Santiago de Compostela, centrouse no impacto das novas tecnoloxías dende unha perspectiva que pon o foco nos desafíos éticos e humanos que presenta a intelixencia artificial na sociedade contemporánea.
