Amparo Alonso ingresa na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España

venres, 10 de novembro do 2023 Redacción

A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, vén de ser nomeada Académica Correspondente na sección de Matemáticas da prestixiosa e centenaria Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España (RAC), a entidade que asesora ao Goberno en política científica nas súas áreas de actuación. O impacto da intelixencia artificial na sociedade e aspectos éticos relacionados é unha prioridade para a presidencia española do Consello da Unión Europea. Un momento, por tanto, clave para fixar criterios coa axuda de especialistas como a catedrática galega, referente en investigación en IA.
O nomeamento significa para a científica galega “unha inmensa honra, pero tamén unha gran responsabilidade porque a esta Academia pertenceron moitas das mentes españolas máis brillantes nestes campos e é a nosa obrigación manter o seu legado. A RAC ten ademais un papel esencial á hora de determinar as axendas políticas e é importante que os políticos dun país teñan en conta o coñecemento dos seus científicos e tecnólogos, porque lles dará a capacidade de tomar decisións de maneira máis informada. A contribución da ciencia e a tecnoloxía é indispensable para o progreso dunha sociedade e para impulsar o seu crecemento e o seu benestar”.

Amparo Alonso nunha fotografía de Xurxo Lobato

Coa incorporación de Amparo Alonso, a abordaxe da IA cun enfoque ético pasará a formar parte do programa da RAC. O seu discurso de ingreso, previsto para o primeiro trimestre do 2024, estará centrado na chamada intelixencia artificial verde, unha liña de traballo que se está impulsando desde diferentes grupos do CITIC da UDC, en sintonía co Plan Nacional de Algoritmos Verdes do Gobierno. A IA aplicada aos algoritmos verdes é un conxunto de sistemas cuxa meta é interpretar todos os datos dunha entidade e traducilos da forma máis sostible, máis responsable e menos contaminante para o planeta.
O impulso da IA é un dos eixos estratéxicos da Axenda España Dixital 2025, dentro da que se enmarca o plan nacional. O seu obxectivo é situar a España á vangarda do desenvolvemento dunha IA máis respectuosa co medio ambiente, dando soporte aos centros de investigación punteiros e ao tecido económico do noso país.
Ademais, xusto esta semana acaba de anunciarse a aprobación do Real Decreto que habilita ao Goberno a abrir a convocatoria para as empresas que desexen participar no coñecido como sandbox de IA, unha contorna de probas cuxo obxectivo é testar o futuro Regulamento Europeo e no que, tamén aquí, España é pioneira.

PUBLICIDADE