Amparo Alonso leva a optimización computacional de modelos enerxéticos a foros de Portugal e Noruega

mércores, 16 de abril do 2025 S. P.

A Fundación Ramón Areces, entidade española envorcada no desenvolvemento da educación, a cultura e a investigación. puxo en marcha a I Edición dos Profesores de Excelencia, unha iniciativa destinada a impulsar a excelencia investigadora e a colaboración científica internacional. Esta edición inaugural contou coa participación da investigadora do CITIC, Amparo Alonso.
Como parte do programa, Amparo Alonso ofreceu unha serie de conferencias en tres destacadas universidades portuguesas: a Universidade do Porto, Universidade de Coimbra e Universidade do Minho, en colaboración co CCG/ZGDV Institute. Nas súas intervencións, abordou cuestións sobre o uso máis eficiente dos recursos computacionais aplicados aos modelos enerxéticos, destacando a importancia da IA (Intelixencia Artificial) nos procesos de optimización.
Ademais, o pasado 3 de abril, participou como relatora no workshop internacional ML Application in Cros-Scale Energy Transition Studies, organizado pola Norwegian University of Science and Technology (NTNU), onde presentou o relatorio Revolutionizing Agent-Based Models: Insights on leveraging machine or reinforcement learning.
A actividade culminou coa súa participación como experta no panel internacional da Energy Transition Week 2025, celebrada do 7 ao 11 de abril en Trondheim, Noruega. Este foro, promovido pola NTNU, reúne a referentes globais en enerxía, sustentabilidade e tecnoloxía para debater estratexias chave na descarbonización do sistema enerxético.