Amplíase até o 6 de outubro o prazo do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre

luns, 2 de outubro do 2017 Redacción

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de anunciar que amplía o prazo de presentación de candidaturas á décima edición do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre. A prórroga, até o vindeiro día 6 de outubro, diríxese en palabras da axencia “a facilitar a inscrición aos alumnos que teñan presentado o seu proxecto nos tribunais no mes de setembro”. Os requerimentos que deben cumprir estes traballos son: ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Así mesmo, tamén poden participar proxectos que fagan uso de hardware libre.
AMTEGA tamén lembra que os estudantes interesados en participar neste certame deben seguir todos os pasos requiridos nas bases do premio antes vindeiro seis de outubro: inscrición do proxecto na forxa de mancomún, entrega de memoria, alta na listaxe de correo do premio e cumprimentado do formulario de inscrición. Logo, unha vez rematado o prazo de presentación das candidaturas, o xurado seleccionará os finalistas que deberán acudir ao acto de resolución do premio, que se celebrará o vindeiro día 27 de outubro na Cidade da Cultura. A axencia recorda a maiores que os finalistas deberán realizar unha breve presentación do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co software libre, dos logros acadados ou as perspectivas de futuro, entre outros.
O xurado valorará o nivel de actividade pública do traballo, é dicir, a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web; o emprego axeitado dunha licenza libre: e calidade do proxecto.
“Este premio”, explica a axencia, “ten por obxectivo non só recompensar a un proxecto tecnicamente bo, senón a un bo proxecto de software libre”.
O galardón, como lembraremos, está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros e nun segundo de 750 euros, grazas á achega do Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG), e do Grupo de programadores e usuarios de Linux (GPUL), respectivamente. Ambas entidades son patrocinadoras do premio no marco do convenios de colaboración asinados coa AMTEGA para a realización de actividades de promoción do software libre en Galicia.
Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal Mancomún.

PUBLICIDADE