Amplíase o certame escolar de podcasts en galego para favorecer a participación no confinamento
mércores, 8 de abril do 2020
A
segunda
edición do Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera
Pérez vén de ser obxecto de cambios, debido ás circunstancias
da situación actual do Estado de Alarma. Por este motivo, a
organización decidiu ampliar o prazo de presentación de arquivos de
radio online orixinais ata o mes de setembro de 2020,
ampliando o radio de acción dunha iniciativa que atesoura en si
mesma moitas vantaxes para mitigar con lecer e creatividade as
consecuencias do COVID-19.
Polo
tanto, o que non cambia son os obxectivos do certame, máis ben
fortalécense ante o actual estado de reclusión das e dos potenciais
participantes: “Cremos que no estado de confinamento a
participación nesta actividade pode ser un exercicio pedagóxico moi
útil para fomentar o uso do galego e a creatividade, así como o
coñecemento e a divulgación do noso patrimonio literario, material
e inmaterial entre o alumnado de Galicia e Portugal”, informan as
entidades organizadoras, que non son outras que o IES Plurilingüe
Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e
o colectivo Ponte nas Ondas, coa colaboración da Secretaría Xeral
de Política Lingüística e doutras entidades como o Museo do Pobo
Galego, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a EASD
Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega, a Fundación
Antonio Fraguas e o Parlamento de Galicia.
Características
do certame
Poderá
concorrer a estes premios o alumnado de 11 a 18 anos dos centros de
ensino de Primaria (de 6º curso) e doutros centros de ensino non
universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime
xeral cursadas fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, poderá
participar o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de
Portugal.
Presentaranse
podcasts orixinais e inéditos relacionados co patrimonio literario
de Galicia e Portugal e coas súas figuras relevantes, tales como o
autor a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas este ano, o
escritor e intelectual ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Os podcasts
irán acompañados do texto que serviu de base para a súa
elaboración.