An Alfaya, Laura Romero e a RAG poñen na Rede máis contidos sobre Begoña Caamaño
luns, 2 de marzo do 2026
O CEIP O Pombal de Vigo participou na presentación da última edición de Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega para a rapazada, que este ano ten como propósito achegar o público máis novo a Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago de Compostela, 2014), homenaxeada nas Letras Galegas 2026.
O CEIP O Pombal, situado no barrio do Calvario (onde se criou a autora), representou unha obra que a escritora An Alfaya, compañeira de estudos e amiga da homenaxeada, escribiu para esta iniciativa: unha peza teatral chea de maxia e aventuras, para ler e representar dentro e fóra das aulas, na que Begoña Caamaño se reencontra coas personaxes principais das súas novela.
O resultado pode desfrutarse xa en Primaveradasletras.gal xunto ás primeiras actividades interactivas dun espazo virtual que nas vindeiras semanas irá ofrecendo novos contidos arredor do universo vital e literario de Begoña Caamaño.
A ilustradora ordense Laura Romero creou o universo visual da web, que ofrece ademais actividades interactivas, fichas para colorear e outros recursos para darlles a coñecer aos nenos e nenas á vida de Caamaño e os mitos e a reescritura feminista que fixo dos mesmos na súa narrativa.
“Escollemos unha escola do barrio do Calvario, o territorio vital da nenez de Begoña Caamaño, para abrirmos o noso calendario de celebracións das Letras Galegas 2026 porque a semente, o presente e o futuro da nosa lingua e da nosa literatura reside en boa medida en espazos coma estes”, salientou o presidente da Real Academia Galega, o muradán Henrique Monteagudo.
“Primavera das Letras busca ser unha ponte entre a RAG e os colexios de toda Galicia”, explicou Fina Casalderrey, coordinadora deste proxecto que se desenvolve desde 2016 co apoio da Deputación da Coruña, engadindo que “desta volta o reto consistiu en falarlles aos nenos e nenas dunha autora que non escribiu para a xente miúda, pero An Alfaya conxurou os seres míticos dos seus libros e fíxoos respirar nunha deliciosa peza teatral que agardamos que se represente en moitos colexios e asociacións culturais de todo o país”.
