AnTuTu sitúa ao Meizu PRO 5 como o smartphone máis potente do mercado

venres, 23 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Aínda que poida distar moito da experiencia de usuario real, nos últimos anos púxose de moda medir a potencia dos smartphones con Android en base a varias aplicacións que miden a forza bruta dos dispositivos en función da súa potencial de cálculo, destacando entre estas ferramentas a de AnTuTu, que vén de sorprender ao publicar unha relación cos 10 smartphones con Android máis potentes do mercado que pese a estar dominada polos últimos smartphones insignia de Samsung, estes terminais vense superados polo Meizu PRO 5, smartphone que consegue unha puntuación de 76.852, superando sobradamente os 72.156 do Samsung Galaxy Note 5.
Deste xeito o teléfono chinés presentado o mes pasado, que está equipado cun procesador Exynos 7420, 3/4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno e unha pantalla AMOLED Full HD de 5,7 polgadas, pese a que ten unha configuración moi semellante aos smartphones de Samsung (de feito, o seu procesador é do fabricante surcoreano) consegue superalos, posiblemente por optar por unha pantalla Full HD en vez de Quad HD.
Sorprende ver como os 5 smartphones máis potentes conta cun procesador Exynos, mentres que os 5 seguintes teñen un Qualcomm Snapdragon 810, o que viría a confirmar a percepción xeral de que un par de procesadores en concreto conseguen superar a todos os demais do mercado con claridade, non deixando espazo a ningún competidor na clasificación de AnTuTu.
Tamén pode resultar rechamante ver como dos móbiles con procesador Qualcomm só un, o Xperia Z5 (en 8ª posición no ranking) é dun fabricante tradicional, mentres que os outros smartphones serían o Le 1 Pro, o Le 1 Max, o Xiaomi Note Pro e o OnePlus 2. Tendo en conta que tamén é un fabricante chinés o que consegue o primeiro posto, poderiamos concluír que estamos a vivir unha nova época dentro deste sector, na que fabricantes até hai pouco ignorados conseguen non só superar ao resto en prezo, senón tamén en prestacións.

PUBLICIDADE