Andreu Ibáñez comeza este xoves en Santiago a súa rolda galega de demostracións con Google Glass
mércores, 23 de abril do 2014
Tal
e como avanzamos os días pasados dende Código Cero, esta semana
temos dúas citas coas Google Glass. A primeira será o 24 de abril
en Santiago: un encontro coas posibilidades que achega esta
tecnoloxía en múltiples eidos da investigación. A presentación
das lentes interactivas do xigante de Internet desenvolverase no
CiTIUS e incluirá unha demostración no salón do actos que correrá
a cargo de Andreu Ibáñez, director do proxecto Mundo Glass e membro
da comunidade de desenvolvedores Glass Lleida Developers, unha
iniciativa da empresa Ponent 2002 e outros desenvolvedores asociados
para desenvolver aplicacións integrábeis nesta nova plataforma.
Ao longo da conferencia,
Ibáñez falará de diferentes aspectos técnicos e comentará algúns
dos proxectos nos que traballa, como Liquid Galaxy, en virtude do cal
mantén unha relación dende hai anos coa central de Google en
California.
Andreu Ibáñez leva xa
un tempo presentando por todo o Estado varias aplicacións que a súa
comunidade de desenvolvedores está a argallar para o devandito
dispositivo do buscador. Entre estas ferramentas cómpre salientar
unha aplicación sobre arqueoloxía que permitirá realizar procuras
con capacidade de proxectar información directamente nos ollos de
quen carrete o dispositivo. Tamén están a dar forma a un recurso
para optimizar os voos dos helicópteros, e outro aplicativo para
dispormos a tempo completo dos horarios de buses de Lleida.
Ibáñez, como
adiantabamos hai uns días, tamén estará esta semana en Vigo, onde
está prevista outra presentación de Google Glass. A visita a Vigo
celebrarase o día 25, comezando cun xantar
para membros do GDG local, que definen como “cocido con Google
Glass”, no que buscan casar a gastronomía galega (sopa de cocido,
cocido galego e cañas recheas con crema) coas populares lentes de
Google. Pechará a xornada unha presentación
no Club Financeiro de Vigo de 19:00 a 21:00 horas, que non se
limitará a falar de Google Glass, senón que tamén se achegará á
nova plataforma Android Wear, á vez que intentarán amosar un
enfoque profesional destas tecnoloxías emerxentes de Google.
Lembrar por último que
as Google Glass son unhas lentes de realidade aumentada que amosan
toda a información da que dispoñen os usuarios de smartphones e
coa vantaxe de non teren que empregar as mans, posibilitando
acceder a Internet mediante a voz.