Android 16 lánzase oficialmente
martes, 10 de xuño do 2025
Google comezou hoxe o despregamento oficial de Android 16, que chega en primeiro lugar aos dispositivos Pixel e se estenderá a outras marcas ao longo do ano. Esta nova versión do sistema operativo móbil, a máis temperá dos últimos anos, incorpora cambios destacados tanto no deseño como na funcionalidade, centrados na personalización, a accesibilidade e a produtividade.
Un dos piares de Android 16 é a introdución do novo deseño Material 3 Expressive, que busca ofrecer unha experiencia máis visual, clara e adaptada ás necesidades de cada usuario. Nesta liña, a xestión de notificacións dá un paso adiante: agora os avisos de aplicacións como servizos de comida ou transporte poden actualizarse en tempo real, grazas ás chamadas notificacións vivas, unha función que se irá estendendo dentro do ecosistema Android, incluÃndo en sistemas como Samsung Now Bar e Live Alerts de Oppo e OnePlus.
Pensando na accesibilidade, Android 16 incorpora importantes melloras para usuarios con audiófonos. Por primeira vez, será posible empregar o micrófono do propio teléfono en chamadas, no canto dos micrófonos frontais dos audiófonos LE Audio, algo que axudará en contornos ruidosos. Tamén se engade control nativo para estes dispositivos, o que permite axustar opcións como o volume ou os modos de son directamente dende o teléfono.
No eido da seguridade, a nova versión do sistema permite activar Advanced Protection, o programa de protección móbil máis avanzado de Google, dirixido tanto a persoas que traballan con información sensible como a usuarios que desexan un maior control fronte a ameazas dixitais. Inclúe medidas contra apps perigosas, chamadas fraudulentas e ataques sofisticados.
Android 16 tamén aposta por mellorar a produtividade en dispositivos de pantalla grande. En colaboración con Samsung, introdúcese o modo desktop windowing, que permite abrir e organizar varias aplicacións en fiestras redimensionables, ao estilo dun ordenador de escritorio. Prevese ademais a chegada de funcións como atallos de teclado personalizados e un novo sistema de xestión de aplicacións na barra de tarefas.
A actualización tamén achega melloras como capturas de pantalla en HDR, taxa de refresco adaptativa e novos mecanismos de verificación de identidade. A versión Material 3 Expressive estenderase tamén a Wear OS 6 antes de final de ano.
Xunto con Android 16, Google anunciou seis novas funcións personalizadas dispoñibles en Android: a posibilidade de renomear e personalizar grupos en Google Messages, edición intelixente de imaxes en Google Fotos con ferramentas potenciadas por IA, xestión avanzada de dispositivos no fogar con Google Home, ampliación dos tempos de seguridade en Safety Check, novas combinacións de emoji en Emoji Kitchen e pagamentos no transporte público desde reloxos con Wear OS.
