Android 4.0 aceptará gamepads USB

luns, 24 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A versión 3.1 de Android abría as portas ao aproveitamento da conectividade USB para empregar distintos dispositivos en móbiles ou tablets, como poderían ser discos duros USB ou mandos de xogo, e Romain Guy vén de lembrar a través de Twitter que iso será así e que o Android 4.0 (Ice Cream Sandwich) permitirá “gamepads USB e HDMI para converter o teu Galaxy Nexus nunha consola de videoxogos”.
De feito, o novo SDK de Android permítenos ver un menú no que comprobar o funcionamento de controis de xogo en Android 4.0, o que poderían aproveitar inicialmente múltiples emuladores, para poder gozar de vellos xogos de recreativa e consolas clásicas en dispositivos Android. Aínda que pareza algo esaxerado conectar un gamepad USB de Xbox 360 a un móbil con Android, a cousa podería mudar no caso dun tablet ou dun dispositivo Android conectado a un televisor, polo que este tipo de prestación, aínda que non moi relevante para a meirande parte dos usuarios, poden resultar decisiva para ampliar a experiencia de uso dos trebellos con Android.

PUBLICIDADE