Android 4.4 levará por nome KitKat

martes, 3 de setembro do 2013 Marcus Fernández

As versións máis significativas do software en moitas ocasións levan consigo un alcume, de xeito que Chicago ou Manhattan foi o nome chave que tiveron algúns dos desenvolvementos de Windows, en Apple chamaban ata hai pouco a cada entrega do seu Mac OS X co nome dun felino (panther, tiger, lion...), dende WordPress renden tributo a lendas da música jazz, e no caso de Android optaron por bautizar ás grandes versións do sistema operativo móbil con nomes de lambonadas segundo a súa orde alfabética, e aínda que tras cupcake, donut, eclair, froyo, gingerbread, honeycomb, ice cream sandwich e jelly bean agardábase que chegase key lime pie, hoxe sorprendéronnos cun chío no que Sundar Pichai anunciou que veñen de superar os 1.000 millóns de activacións de dispositivos con Android e adiantando que Android 4.4 chamarase KitKat.
Ao parecer, o nome de key lime pie buscaría ser só unha cortina de fume para manter en segredo as negociacións entre Google e Nestlé (que serían doadas de imaxinar ao saberse que o novo nome dunha versión de Android comezaría por k), de xeito que conseguisen certo efecto sorpresa, non tratándose dun acordo comercial que supoña un intercambio de cartos entre ambas compañías, senón que atende aos gustos dos propios desenvolvedores de Android polas chocolatinas.
Sería a primeira vez que Google escolle un nome dunha marca comercial para Android, e para facer tal chegaron a un acordo con Nestlé, que será moi visible socialmente, posto que porase en circulación unha edición limitada de barras KitKat coa mascota de Android no seu envoltorio e que poderán conter no seu interior vales para poder facerse con crédito para gastar en Google Play ou incluso cun tablet Nexus 7.


Curioso vídeo promocional dos novos KitKat Android

PUBLICIDADE