Android 8.0 Oreo ve a luz

luns, 21 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A nova versión de Android xa está aquí, e confírmase que Android 8.0, tamén coñecido como Android O durante os pasados meses, levará finalmente como alcume a marca Oreo, na liña do que xa acontecera con KitKat (nome que recibiu Android 4.4). Android Oreo promete ser un sistema operativo móbil máis intelixente, máis rápido e máis potente que nunca, con novas funcións como picture-in-picture e Autofill, así como melloras de seguridade e de velocidade.
A función de picture-in-picture, aínda que xa presente nalgúns móbiles de compañías como Samsung, pasa a ser agora unha funcionalidade do sistema operativo en si, de xeito que será posible ver dúas aplicacións ao mesmo tempo para, por exemplo, tomar anotacións mentres se ve un vídeo de YouTube.
En seguridade incorpórase Google Play Protect (que vixiará a seguridade do móbil a numerosos niveis, de xeito que tanto pode evitar o software malicioso como axudar a localizar un teléfono perdido) e novas prestacións (como control de instalación de aplicacións a nivel de fonte).
Android Oreo tamén axilizará o uso do dispositivo grazas ao Autofill (que axudará a lembrar credenciais de acceso ás aplicacións) e incluso poderemos contar tamén coas moi esperadas Android Instant Apps, de xeito que será posible gozar de aplicacións móbiles sen instalalas no noso dispositivo (algo que pode resultar moi práctico para probar unha aplicación ou incluso para facer uso de ferramentas que só precisaremos puntualmente).
Dende Google aproveitaron o eclipse de sol total que podía verse hoxe nos EE.UU. para anunciar o lanzamento de Android Oreo, estando xa dispoñible o seu código fonte en AOSP e podendo instalarse xa nalgúns dispositivos da familia Pixel. Nos vindeiros meses os principais fabricantes de móbiles lanzarán novos terminais con Android Oreo e tamén actualizarán moitos dos seus dispositivos á nova versión de Android.

Vídeo de presentación de Android Oreo

PUBLICIDADE