Android Auto deixará de limitarse a automóbiles compatibles

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

A plataforma de Google para automóbiles, Android Auto, está a dar pasos decisivos para a súa popularización, sendo o máis destacado o que se anunciou no marco da Google I/O: a posibilidade de empregar Android Auto no noso smartphone sen ter que conectalo a un dos poucos vehículos compatibles, de xeito que poderemos colocar un dispositivo móbil no salpicadeiro do coche para poder gozar da interface de usuario optimizada para o uso durante a condución, ou sexa, reducindo as distraccións para o condutor, incorporando iconas de grande tamaño e facilitando o uso mediante ordes de voz.
Deste xeito Google axiliza a adopción de Android Auto, non tendo que esperar a que os usuarios muden de vehículo nin a que os fabricantes opten pola integración da súa tecnoloxía.
Polo momento non temos data para o lanzamento desta novidade que non chega soa, senón que tamén deron conta de que Android Auto integrará o sistema de mapas colaborativo Waze, soportará conexións sen fíos (evitando así depender cun conector USB como acontece actualmente) e será compatible coa función OK Google.

Android Auto será compatible con calquera vehículo