Android Auto prepara unha das súas maiores renovacións

martes, 12 de maio do 2026 Redacción

Google prepara unha profunda renovación de Android Auto e dos coches con Google integrado, apostando por unha experiencia máis visual, personalizada e apoiada nas capacidades de Gemini. Aseguran que actualmente hai máis de 250 millóns de vehículos compatibles con Android Auto nas estradas e máis de 100 modelos de 16 marcas con Google integrado, o que converte o coche nun dos principais escenarios de expansión do ecosistema Android.
Android Auto recibirá unha nova interface baseada en Material 3 Expressive, co obxectivo de adaptar a experiencia a pantallas de formatos moi distintos, incluíndo deseños ultrapanorámicos ou circulares. A actualización incorporará novas tipografías, animacións e fondos de pantalla, así como widgets configurables para consultar información dunha ollada, como contactos frecuentes, previsión meteorolóxica ou controis domésticos.
Google tamén reformula a navegación con Immersive Navigation, descrita como a maior actualización de Google Maps en máis dunha década. A navegación amosará representacións tridimensionais de edificios, relevos e infraestruturas, ademais de destacar sinais, carrís ou semáforos para facilitar manobras complexas e incorporacións.
O entretemento será outro dos piares da nova xeración de Android Auto. Por primeira vez será posible reproducir vídeo en aplicacións como YouTube directamente na pantalla do coche cando o vehículo estea estacionado ou cargando. Google promete reprodución a 60 imaxes por segundo en Full HD nos modelos compatibles, comezando por fabricantes como BMW, Ford, Hyundai, Kia, Mercedes-Benz, Renault, Škoda ou Volvo.
A transición entre vídeo e condución tamén mudará: ao iniciar a marcha, as aplicacións compatibles pasarán automaticamente a reproducir só o audio sen interromper a experiencia. Isto permitirá continuar escoitando videopodcast ou contidos similares mentres se conduce.
A experiencia sonora tamén evolucionará coa chegada de audio espacial mediante Dolby Atmos en aplicacións e vehículos compatibles. Ademais, servizos como YouTube Music e Spotify renovarán as súas interfaces para mellorar o uso dentro do coche.
Gemini converterase nun dos elementos centrais desta evolución. O asistente xa está dispoñible en Android Auto e máis adiante poderá aproveitar Gemini Intelligence nos dispositivos compatibles. Google explica que o sistema poderá comprender o contexto das mensaxes, correos electrónicos ou eventos do calendario para propoñer accións automáticas. Como exemplo, citan a función Magic Cue, capaz de detectar cando un contacto solicita un enderezo e ofrecer unha resposta preparada automaticamente empregando información dispoñible no teléfono.
Tamén se habilitarán accións máis avanzadas como realizar pedidos mentres se conduce. Google exemplifica esta capacidade coa integración con DoorDash, permitindo encargar comida mediante voz e confirmar o pedido cun único toque.
Os vehículos con Google integrado tamén recibirán melloras específicas grazas á integración directa co hardware do coche. Gemini poderá responder preguntas relacionadas co propio vehículo, como identificar testemuñas luminosas do cadro de instrumentos ou calcular se un obxecto caberá no maleteiro.
Google Maps nestes coches tamén incorporará guiado intelixente por carrís empregando a cámara frontal do vehículo para interpretar a posición do coche na estrada e ofrecer indicacións en tempo real durante cambios de carril ou saídas.
Estas novidades despregaranse paulatinamente ao longo do ano.

Vídeo promocional das novidades de Android Auto