Android Wear 2.0 chegará acompañado por un par de reloxos de LG
mércores, 8 de febreiro do 2017
Google vén
de facer oficial Android Wear 2.0, o novo sistema operativo para
dispositivos wearables, de xeito que os
smartwatches que empreguen esta versión renovada do software de Google poderán
gozar de esferas con máis información, uns reloxos mellor pensados para seguir
a práctica deportiva dos usuarios, novos xeitos de empregar as aplicacións e
incluso a posibilidade de aproveitar as axudas do Asistente de Google.
As novas esferas de Android Wear achegarán información e accións das nosas
aplicacións favoritas, de xeito que cun simple xiro do pulso poderemos ver a
nosa seguinte cita, o seguimento das nosas actividades deportivas ou outra
información que consideremos oportuna, á vez que tamén poderemos lanzar accións
cun simple toque, como iniciar un adestramento ou solicitar unha viaxe a través
de Uber. Tamén será posible alternar entre distintas configuracións de esfera
ao longo do día (de xeito que podemos ter unha configuración para o traballo,
outra para casa...).
A integración de Google Fit tamén mellora, e agora non só rexistra os nosos
desprazamentos, as calorías queimadas e o pulso, senón que tamén é capaz de
rexistrar exercicios como o levantamento de pesas ou as contraccións
abdominais. Durante os adestramentos tamén continuaremos a recibir mensaxes de
texto e chamadas, ou incluso poderemos reproducir música.
Entre as grandes melloras de Android Wear 2.0 é que agora poderemos elixir as
aplicacións que estarán instaladas directamente no móbil, con independencia do
smartphone, de xeito que poderemos empregalas sen importar onde teñamos o
teléfono, podendo así levar no pulso de xeito independente aplicacións como
Android Pay, Uber ou Telegram.
E falando de aplicacións de mensaxería, agora tamén contaremos con máis xeitos
para responder a través de Hangouts, Telegram, Facebook Messenger ou WhatsApp,
xa que cando recibamos unha mensaxe poderemos elixir entre responder ditando,
tecleando, escribindo a man ou debuxando unha emoticona.
Outra tecnoloxía que se introduce no pulso coa nova versión de Android Wear é o
Asistente de Google, que agora permitiranos consultar o estado do tempo, a realización
dunha reserva nun restaurante ou a navegación GPS a un destino con só ordenalo
a viva voz, aínda que polo momento esta función só está dispoñible en inglés e
alemán.
Android Wear 2.0 chegará nas vindeiras semanas a un bo número de smartwatches
(ASUS ZenWatch 2 e 3, Casio Smart Outdoor Watch, Casio PRO TREK Smart, Fossil Q
Founder, Fossil Q Marshal, Fossil Q Wander, Huawei Watch, LG Watch R, LG Watch
Urbane e 2nd Edition LTE, Michael Kors Access Smartwatches, Moto 360 2nd Gen,
Moto 360 for Women, Moto 360 Sport, New Balance RunIQ, Nixon Mission, Polar
M600 e TAG Heuer Connected) e estará dispoñible de serie nos novos LG Watch
Style e LG Watch Sport.
LG Watch Style
Como solución máis discreta teremos o LG Watch Style, un reloxo delgado e elegante que estará dispoñible en tres deseños clásicos e acabados (prata, ouro rosa e titanio), que son compatibles con correas de 18 milímetros de coiro e silicona, polo que poden adaptarse para distintas ocasións, aínda que ao estarmos ante un reloxo de só 14,2 milímetros de grosor realízanse certos compromisos como unha autonomía moi mellorable (batería de 240 mAh) e a ausencia de LTE, GPS, barómetro, NFC, altofalante e monitor cardíaco. Iso si, co seu prezo de 249 dólares sería o smartwatch máis económico en chegar ao mercado con Android Wear 2.0.
LG Watch Sport
O reloxo deportivo de LG xa é outro cantar, xa que o LG Watch Sport, cun
prezo de venda ao público de 279,99 dólares (dispoñible
a través de Verizon a 329,99 dólares) é un produto moi completo, cunha
pantalla POLED circular de 1,38 polgadas cunha resolución de 480 x 480 píxeles,
768 MB de RAM, 4 GB de almacenamento interno, batería de 430 mAh, LTE, Wi-Fi,
Bluetooth, acelerómetro, barómetro, xiroscopio, monitor cardíaco e GPS, capaz
de realizar e recibir chamadas de teléfono de xeito autónomo e compatible con
Android Pay (pois tamén conta con NFC).
Ambos smartwatches chegarán ao mercado norteamericano o vindeiro día 10, no
figurando España entre os seguintes países de lanzamento, polo que posiblemente
tardemos uns meses en velos nas tendas ou comercializados a través de
operadores de telefonía móbil.
Vídeo de presentación de Android Wear 2.0