Android permitirá unha mellor xestión dos auriculares sen fíos

luns, 22 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Un dos detalles que levaron aos AirPods de Apple ao seu éxito é a facilidade do seu uso, ou sexa, que resulta moi doado e áxil emparellar os auriculares sen fíos con distintos dispositivos, e aínda que fabricantes como Samsung teñen solucións equivalentes desenvolvidas a medida, dende Google decidiron traballar en Fast Pair, un conxunto de especificacións para facer máis doada a conexión de auriculares e altofalantes Bluetooth dende dispositivos con Android.
Esta funcionalidade estreouse cos auriculares Tarah de Jaybird, e agora está a espallarse entre outros dispositivos, de xeito que xa hai máis de 10 dispositivos certificados con Fast Pair e incluso introduciuse esta tecnoloxía o kit de desenvolvemento para auriculares conectados de Qualcomm, de xeito que cada vez veremos máis dispositivos que gozarán desta experiencia mellorada de uso de son sen cable.
Pero Fast Pair non só facilita a conexión cos auriculares con só un toque, senón que tamén está a servir de paraugas para outras interesantes prestacións que se van recibindo paulatinamente, como Tru Wireless Stereo (TWS), de xeito que a longo deste ano os auriculares compatibles poderán compartir a información de batería de cada auricular e do seu estoxo de carga (que xeito que cada vez que se abra ou peche a caixa poderemos coñecer a situación da batería dos accesorios sen fíos a través dunha notificación).
Tamén se incorpora dentro destas especificacións a funcionalidade de buscar o noso dispositivo (axudando a localizalo no caso de extravialo) e tamén ofrecerán unha páxina no menú de configuración dende a que poder configurar as diferentes funcións dos auriculares con Fast Pair e incluso acceder á información detallada destes trebello.
Dende Google aseguran que neste momento os auriculares compatibles con Fast Pair son os Anker Spirit Pro GVA, JBL Live 220BT, JBL Live 400BT, JBL Live 500BT, JBL Live 650BT, Jaybird Tarah, 1More Dual Driver BT ANC, LG HBS-SL5, LG HBS-PL6S, LG HBS-SL6S, LG HBS-PL5 e Cleer Ally Plus, así como os altofalantes Anker SoundCore Flare+.

JPEG - 55 KB
Os auriculares Tarah de Jaybird foron os primeiros do mercado en recibir a funcionalidade Fast Pair en Android

PUBLICIDADE