Android prepara unha experiencia de escritorio para pantallas externas

venres, 2 de maio do 2025 Marcus Fernández

Android Authority asegura que Google está a piques de dar un paso importante cara a unha experiencia de escritorio en Android semellante ao Samsung DeX, que permite conectar un móbil a unha pantalla externa e traballar cunha interface de tipo escritorio, con fiestras flotantes, barra de tarefas e control mediante rato e teclado.
Veñen de presentar unha ollada preliminar ao modo escritorio que Google está a preparar para Android, concretamente en dispositivos Pixel. A nova funcionalidade aparece como unha opción para desenvolvedores chamada activar funcións de experiencia de escritorio, aínda oculta en Android 16 e non dispoñible de xeito predeterminado. A pesar diso, xa é posible activala en certos dispositivos Pixel e comprobar como será este novo modo.
A diferenza do modo escritorio básico que se activaba ata agora ao conectar un Pixel a unha pantalla externa, esta nova versión inclúe unha barra de tarefas con accesos directos ás aplicacións ancoradas, unha fiestra de aplicacións mellorada e soporte para aplicacións en fiestras flotantes que se poden mover, redimensionar ou encaixar aos lados, como nun sistema operativo de escritorio tradicional. Isto facilita tamén accións como arrastrar e soltar contido entre aplicacións.
Esta nova contorna semella ser unha adaptación do modo de xanelas que Google estreou en tabletas con Android 15, pero desta volta aplicada tamén a pantallas externas. Non obstante, cómpre sinalar que a experiencia nun móbil conectado a un monitor debería ser distinta á dunha tableta, e Google semella estar a traballar tamén en ferramentas como a reorganización de pantallas ou o movemento fluído do rato entre dispositivos.
Aínda que é pouco probable que esta función chegue na versión final de Android 16, si podería aparecer en actualizacións trimestrais como opción experimental para desenvolvedores, coa ollada posta nun lanzamento máis maduro en Android 17.

Vídeo no que amosan o estado actual da futura funcionalidade de Android