Angee, unha impresionante cámara de seguridade que busca financiamento en Kickstarter

venres, 2 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Para manter a seguridade no fogar existen múltiples solucións, gañando cada día máis popularidade as cámaras de vixilancia que poden monitorizarse a distancia dende o noso dispositivo móbil, resultando especialmente salientable o caso de Angee, unha solución de seguridade doméstica moi completa que busca financiamento en Kickstarter e que está a piques de trunfar na plataforma de micromecenado para converter o produto nunha realidade en outubro de 2016.
Este produto ten como parte principal unha cámara de vixilancia rotatoria capaz de ver en 360 graos, que tamén conta con detección de movemento, pero que dá importantes pasos adicionais integrando recoñecemento de voz, identificación na porta, a posibilidade de funcionar sen cables e moitas outras funcionalidades, sendo posiblemente o máis atractivo para moitos que non precisa de cotas mensuais para funcionar.
Angee pode gravar e transmitir vídeo, complétase con sensores que podemos colocar nas portas para que o sistema saiba cando a xente chega ou marcha do fogar, combina para a identificación das persoas a mencionada identificación nas portas e o recoñecemento de voz, dispara alertas no móbil cando detecta algunha actividade sospeitosa, a súa cámara seguirá o movemento para evitar que un posible ladrón poida agocharse dela, pode completarse con numerosos sensores de seguridade (alimentados cun par de baterías AAA e que comunícanse por Bluetooth 4.1) repartidos polas portas e fiestras susceptibles da entrada de intrusos e a batería integrada na cámara (de 3.600 mAh cunha autonomía de até 10 horas) permite que o sistema continúe a operar incluso cando marche a luz.
Aparte do seu uso como cámara de seguridade, tamén é posible empregar Angee como unha cámara portátil e sen fíos con visión nocturna que facilite a monitorización de pequenos, maiores ou mascotas; pode empregarse para retransmitir en vídeo e gravar algún momento que queiramos compartir; e incluso pode aproveitarse para gardar algún momento espontáneo que acontecese ao seu redor (de xeito que podemos indicarlle á cámara que o garde).
A cámara de Angee funciona cun sensor CMOS Full HD, comprime o vídeo en h.264 a 30 imaxes por segundo, conéctanse á Rede a través de Wi-Fi (até Wi-Fi N) e con outros dispositivos a través de Bluetooth 4.1, e para poder correr as súas funcións avanzadas está equipado cun procesador ARM Cortex-A9. O seu prezo de venda a través de Kickstater cun dos seus sensores é de 329 dólares (293 euros) e 399 dólares (356 euros) con 3 sensores, podendo adquirirse varias cámaras con desconto (conseguindo así unha maior seguridade doméstica) e tamén cómpre destacar que a campaña de micromecenado ten marcados unha serie de chanzos en función da cantidade de cartos que recaden, de xeito que segundo vaian incrementando as achegas poderán engadir obxectivos como sensores de temperatura e humidade, integración do sistema na web e tabletas (inicialmente só está previsto o control remoto dende móbiles Android e iOS), sincronizar o sistema co noso calendario persoal (para avisarnos cando temos unha cita próxima) e incluso prevén engadir control de voz en español, francés e alemán e recoñecemento facial, características que, de incorporarse finalmente farían que Angee fose unha das solucións máis atractivas para a seguridade do fogar.

Angee pode facer máis seguro o fogar mediante sensores cos que se comunica mediante Bluetooth 4.1

PUBLICIDADE