Ángela Ruíz Robles, a precursora do ebook, xa ten mural de seu no Campus de Ferrol

venres, 23 de outubro do 2020 S. P.

A precursora do libro electrónico, a escritora e inventora galega Ángela Ruíz Robles, conta desde este venres 23 de outubro cun mural en homenaxe ás súas contribucións docentes, divulgativas e tecnolóxicas a carón da Escola Universitaria de Deseño Industrial, no Campus de Ferrol. Este traballo conmemorativo (e colaborativo) foi o resultado do obradoiro Muralismo arredor do 25N – Elas Muralistas, que se desenvolveu os días 21, 22 e 23 de outubro no Campus de Ferrol, impulsado pola Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC e mais por 7H Cooperativa Cultural. O obxectivo foi “rachar estereotipos e concienciar sobre as desigualdades de xénero na arte urbana desde a experimentación colectiva e creativa”.
A elección de Ángela Ruíz Robles por parte das persoas implicadas no proxecto como protagonista do mural foi, segundo informa a UDC, unánime. A Universidade tamén lembrou que esta non é a primeira vez que a Universidade da Coruña, e máis concretamente o Campus de Ferrol, homenaxea a figura de Ruíz Robles xa que desde maio de 2019 a Biblioteca da Escola Politécnica Superior leva o seu nome.
A Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC programou unha nova edición deste obradoiro para os días 4, 5 e 6 de novembro no Campus da Zapateira (A Coruña).
En datas recentes, como sinalamos dende Código Cero, Ángela Ruíz Robles foi tamén obxecto dunha importante homenaxe por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o CPEIG.

PUBLICIDADE