Ángeles Manjarrés fixo dende o CIA de Ourense unha proclama a prol da Intelixencia Artificial equitativa

mércores, 31 de marzo do 2021 S. P.

A profesora doutora da UNED, Ángeles Manjarrés, foi a protagonista a semana pasada dun novo relatorio da Universidade a Distancia ao abeiro das charlas sobre tecnoloxías avanzadas do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. Manjarrés lembrou que a relación entre a Intelixencia Artificial e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) frutificou no concepto igualitario AI4Eq (Artificial Intelligence for Equity), que constitúe “un enorme ámbito por explorar, con estudo de experiencias, paradigmas, ferramentas metodolóxicas e técnicas propias”.
Segundo fixo saber, cómpre impulsar este concepto de tecnoloxías e equidade e apoiar directamente na Intelixencia Artificial “paradigmas de desenvolvemento alternativos, máis resilientes, con énfases na equidade e na sustentabilidade da vida”.
A relatora expuxo que a AI4Eq pode “catalizar a necesaria transformación cara ao mundo equitativo e sustentábel da Axenda 2030”. Engadiu que require un esforzo coordinado multinivel, multiactor e que implique a investigadores e profesionais da IA, da ética e, tamén, do mundo da lexislación, dos dereitos humanos, da innovación, etc. “Deberá implicar tamén a educadores de múltiples disciplinas; a representantes dos sectores público e privado, a gobernos e institucións nacionais e internacionais; e ao terceiro sector e á sociedade civil”, dixo, engadindo que a IA pola equidade require unha formación de profesionais cuxos currículos estean aliñados cos obxectivos ODS.
A maiores, criticou o panorama comunicativo actual relacionado coa crise sanitaria, un panorama que adoece de “infodemia”, é dicir, “de desinformación sobre COVID-19 focalizada nos cidadáns máis vulnerábeis”.
Ao seu xuízo, un enfoque apropiado das solucións IA para a COVID-19 ha de ter en conta o seguinte: sensibilidade ao contexto, participación de expertos locais, avaliación de rumbos en cada etapa do proceso de desenvolvemento; intercambio de datos e modelos, uso de métodos híbridos: coñecemento experto e datos clínicos; reproductibilidade, recompilación de datos suficientes e precisos, incluíndo raza e etnia, en base a perfís de inmunidade completos (xenética, factores ambientais, nutrición, localización xeográfica); e etiquetaxe axeitada e mecanismos de auditoría e exame de rumbos. Manjarrés sinalou que se están a percibir fallos de modelos ao avaliar as tendencias de transmisión en Europa e África, faltan datos sobre asentamentos informais, sen aplicacións móbiles de rastrexo.
A doutora sinalou que a Intelixencia Artificial para a Equidade necesita “ferramentas de intervencións para o desenvolvemento; técnicas que requiren poucos recursos enerxéticos; ciencia cidadá e enfoques centrados na comunidade, directrices de Ciencia de Datos; ferramentas de explicabilidade; técnicas soft-computing; IA de baixo custe e aberta; sistemas sensíbeis ao contexto e a valores así como modelos híbridos baseados en datos e coñecemento”.
A relatora
Tras iniciar a súa carreira no centro I+D de Alcatel-SESA, Ángeles Manjarrés foi docente e investigadora do departamento de Intelixencia Artificial da UNED desde 1992, coa excepción dunha estancia post-doutoral en INRIA-IRISA, en Rennes (Francia).
A súa investigación en Intelixencia Artificial céntrase actualmente no eido das ontoloxías e os Sistemas Recomendadores Educativos Personalizados en plataformas de aprendizaxe en liña, e en robótica educativa.
Participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais no contexto da súa colaboración co grupo AdeNu (Adaptive Dynamic online Educational systems based oN User modelling) da UNED, cuxa actividade xera unha importante produción científica.
Desde o ano 2000 realiza investigacións en innovación educativa para o desenvolvemento humano e a sustentabilidade, en colaboración con ONGD.
Desde 2006 pertence ao grupo EDTIC, Educación para o Desenvolvemento na área das TIC, adscrito ao Centro de Innovación en Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano da UPM, e desde 2016 a COETIC, grupo de innovación docente para o desenvolvemento da competencia ética e cívica e as metodoloxías baseadas na comunidade na educación superior da UNED.

PUBLICIDADE