Ángeles Vázquez visita as instalacións de Televés para felicitar o bo facer da empresa en materia climática
venres, 20 de setembro do 2024
A neutralidade climática é un tema moi a ter en conta nestes tempos e Galicia pon da súa parte e supera xa os obxectivos da Unión Europea para 2030 en materia de redución de emisións, segundo apuntou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aproveitando a súa recente visita ás instalacións de Televés. Neste senso, a conselleira puxo en valor que Galicia é a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (59,8%) desde 1990, superando o obxectivo do 55% establecido pola Unión Europea para o ano 2030.
De falarmos de emisións brutas, dicir que a nosa é a segunda comunidade na que máis baixaron (33%) chegando a haber máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%.
Seguindo ese fío, Ángeles Vázquez subliñou a importancia de iniciativas como a Alianza galega polo clima, que pretende aproveitar sinerxías e buscar confluencias que multipliquen o efecto das accións individuais das entidades adheridas. “A colaboración público-privada é indispensábel para conseguir a neutralidade climática en 2040”, engadiu a conselleira.
Como exemplo, a conselleira sinalou o labor que leva a cabo Televés, unha das empresas adheridas á Alianza galega polo clima, e o seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) a través da planificación e desenvolvemento de varias iniciativas encamiñadas a contribuír ao benestar global e ao coidado do medio ambiente.
A salientar son as actuacións executadas de cara á redución do uso de residuos perigosos, a aposta polo uso de materiais reciclados, o fomento da mobilidade sostíbel e a renovación de instalacións para acadar unha maior eficiencia enerxética.
A Alianza galega polo clima, que conta xa con 154 entidades adheridas (universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas) ten como fin conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para acadar a neutralidade climática.
Asemade, Ángeles Vázquez deu conta de que vén de celebrarse o primeiro encontro técnico de entidades adheridas a esta iniciativa coa que se dá inicio a unha nova fase, na que se programarán eventos e encontros orientados a impulsar novas canles de comunicación e netwoking que faciliten o intercambio de boas prácticas. Alén disto, farase fincapé na formación do tecido produtivo en temas medioambientais e porase á disposición das entidades adheridas á iniciativa unha oficina de apoio para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental.