Angry Birds Friends anímanos a competir cos nosos amigos de Facebook na loita contra os porcos verdes

xoves, 2 de maio do 2013 Marcus Fernández

O popular xogo Angry Birds leva un tempo integrado en Facebook para tirar proveito das posibilidades sociais da plataforma para animar aos amigos a competir polas mellores puntuacións, e hoxe deron un paso adiante levando este modelo a dispositivos móbiles ao estrear na App Store e en Google Play o xogo de balde Angry Birds Friends, que anima aos seareiros dos paxaros anoxados a participar en retos semanais contra os seus amigos de Facebook.
Cómpre destacar que estamos ante un xogo Freemium, ou sexa, que é posible xogar de balde, pero tamén pódense mercar moedas do xogo para poder adquirir axudas que faciliten conseguir mellores puntuacións empregando distintos poderes para os paxaros, de xeito que faise máis doado superar certos niveis moi complicados, á vez que increméntase a competencia no xogo (animando aos usuarios a investir cartos no xogo para conseguir superar as marcas dos seus amigos). As competicións no xogo botarán a andar o vindeiro luns.

Angry Birds Friends emprega power-ups como elementos chave para o seu modelo Free-to-Play

Pero esta no é a única novidade que estes días chega para os seguidores dos paxaros anoxados de Rovio, senón que tamén veñen de renovar o seu xogo orixinal para Windows Phone, que inclúe máis de 400 niveis (e no caso de Windows Phone 8 intégrase en Xbox LIVE) que ata o vindeiro 15 de maio poderá descargarse de balde (os usuarios que xa mercaran o xogo deberán descargar esta nova versión se queren gozar dos novos niveis, pois estamos ante aplicacións diferentes).
Un detalle salientable desta nova versión é que está optimizada para poder funcionar en terminais con pouca memoria, como os Nokia Lumia 510 e 610.

PUBLICIDADE