Angry Birds: Star Wars estréase con Forza

xoves, 8 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi especial para os seguidores das aventuras dos Angry Birds que gusten da franquía cinematográfica máis galáctica creada por George Lucas, xa que por fin está dispoñible para a súa compra o xogo Angry Birds: Star Wars, que é o meirande lanzamento dun xogo de Angry Birds que se fixo ata o momento, posto que este novo título non só é o que inclúe máis niveis e máis variados (mesturando mecánicas de todas as entregas anteriores), senón que tamén é o que se estrea á vez en máis plataformas. Deste xeito, podemos descargar tanto a versión de balde para móbiles con Android, como mercar unha versión HD sen publicidade por 2,69 euros; o resto de versións de pagamento serían para iPhone por 0,89 euros, para iPad por 2,69 euros, para PC por 4,95 dólares, para Windows 8 por 3,99 euros, para OS X por 4,49 euros e, moi especialmente, para Windows Phone 8 por 0,99 euros (pois sería a primeira vez que un xogo de Angry Birds sae para o sistema operativo móbil de Microsoft á vez que para iOS e Android).

JPEG - 74.9 KB
Algúns dos niveis do xogo toman a mecánica de Angry Birds Space

Esta aventura non decepcionará aos habituados aos paxaros anoxados de Rovio, ofrecendo inicialmente máis de 80 niveis repartidos entre Tatooine, a Estrela da Morte, ás que se sumarán en breve niveis ambientados en Hoth. Tamén é posible acceder a niveis segredos e mesmo desbloquear (pagando) outro planeta completo con 40 niveis baixo o título Path of the Jedi.
No xogo poderemos empregar a paxaros caracterizados dos personaxes de Star Wars, e que empregan distintos poderes para superar as distintas fases, garantindo variedade e diversión mentres derrotamos aos porcos verdes que representan ao Imperio, chegando incluso a reflexar algúns momentos dos filmes da triloxía cinematográfica orixinal, o que pode debuxar un sorriso nos seareiros da saga.


Trailer do xogo

JPEG - 78.4 KB
No xogo empregamos aos personaxes protagonistas de Star Wars nunha curiosa versión con plumas

PUBLICIDADE