Angry Birds dispoñible de balde para terminais con Android

venres, 15 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O xogo inclúe publicidade en vez de cobrar pola súa descarga

Se hai un xogo que está a causar furor nos últimos meses no iPhone e no iPad é sen dúbida Angry Birds, que co seu humor e diversión está a saltar a outras plataformas repetindo éxitos, e hoxe mesmo estrea versión definitiva para Android, que pode descargarse de balde a través de GetJar, aínda que en breve tamén incorporarase ao Android Market (actualmente só inclúe unha versión de proba que aínda presenta numerosos erros) e a Motorola SHOP4APPS, sempre de xeito gratuíto, pois nesta plataforma os seus responsables optaron por incluír publicidade no xogo como alternativa ao pagamento, o que servirá para contrastar os seus resultados económicos con outras versións. Máis adiante tamén comercializarán unha versión Premium do xogo sen publicidade integrada.
Angry Birds necesita para funcionar o Android 1.6 e, polo momento, non soporta a resolución de pantalla QVGA presente nos terminais con Android máis vellos ou de baixa gama (o que solucionarase en breve).
Nos vindeiros meses poderemos ver cómo Angry Birds salta a máis plataformas (veremos se conservan o modelo de negocio desta entrega), estrea produtos de mercadotecnia (coma bonecos de veludo) e incluso rumoréase a posibilidade de que inspire unha película. Todo un fenómeno comparable ao xogo Plants vs Zombies.


Así é Angry Birds en acción

PUBLICIDADE