Angry Birds pasará de iOS a DS, PSP e PS3

luns, 2 de agosto do 2010 Marcus Fernández

Algúns videoxogos para iPhone están a converterse en auténticas lendas, coma o Doodle Jump, e mesmo o seu paso polos terminais de Apple axúdalles a saltar a outras plataformas (coma está a pasar co Plants vs Zombies) e agora o xogo Angry Birds de Chillingo, que tivo unha acollida incriblemente boa no iPhone e no iPad (conta cunha versión HD para o tablet de Apple) sumando unhas vendas superiores aos 2 millóns de libras, trasladarase a distintas consolas de videoxogos, coma confirmou o co-fundador de Chillingo, Joe Wee, que asegurou que Angry Birds chegará a «Nintendo DS, Sony PSP e PS3», o que entendemos que será un lanzamento na mesma liña dos anteriores: a través das plataformas de descargas de xogos (e non coa tradicional distribución en caixa).
Angry Birds é un orixinal xogo que consiste en lanzar paxaros de distintas características cun tiracroios para rematar con todos os porcos verdes que hai en cada pantalla, para o que hai que valerse de todos os elementos que hai no decorado, que podemos demoler. O éxito depende en boa medida da experiencia e da reiteración dos distintos niveis ata conseguir o agardado obxectivo do xogo, ou sexa, que hai que combinar lóxica, habilidade e forza bruta para rematar cos malvados porcos que roubaron os ovos dos paxaros anoxados.


Demostración de varias fases do xogo

PUBLICIDADE