Anker prepara unhas lentes con son integrado

mércores, 13 de outubro do 2021 Marcus Fernández

En novembro teremos no mercado as novas lentes de sol Soundcore Frames con audio, que destacan por ter un deseño elegante con 10 monturas distintas a elixir, das que unha contará con cristais polarizados que bloquean o 99% dos raios ultravioleta.
Estas lentes integrarán 4 altofalantes situados ao redor dos ouvidos do usuario e 2 micrófonos para conseguir captar a voz de xeito nítido eliminando o ruído ambiental, de xeito que poden empregarse para escoitar música até 5,5 horas seguidas, así como para realizar chamadas de voz. Tamén contarán con resistencia IPX4, de xeito que sobrevivirían a molladuras accidentais.
Non son as primeiras lentes con son Bluetooth do mercado, pero si son as primeiras con tal diversidade de estilos, e incluso contan cunha páxina web para poder probar virtualmente como nos sentarían as distintas monturas para que poidamos elixir a que máis encaixa co noso estilo persoal.
Prevese que Amazon vaia vender as Soundcore Frames a partir do 1 de novembro a un prezo de 199,99 dólares, podendo adquirirse cada montura adicional por 49,99 dólares, aínda que tamén poderán mercarse a través de moitos outros distribuidores, entre os que non faltaría a propia marca Anker, que resulta ser a propietaria desta liña de lentes de sol con audio integrado.

As novas lentes contará con varios altofalantes para conseguir que o son envolva ao usuario

PUBLICIDADE