Ansys achega á EE Industrial da UVigo o seu avanzado software de simulación

mércores, 15 de xullo do 2015 Redacción

Esta semana comezou na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo o curso Introdución á simulación FEM e CFD con Ansys, que se desenvolverá até finais de mes e que conta con 30 persoas matriculadas, cubrindo a totalidade das prazas. A actividade é froito do convenio asinado en outubro do ano pasado entre o dito centro e a multinacional Ansys. O curso está coordinado polos profesores Ignacio Armesto e Abraham Segade, que salientaron na posta en marcha do mesmo que é “o primeiro deste tipo que se ofrece na comunidade galega”.
O acto de inauguración do seminario, onte luns, contou coa presenza do director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pou e do conselleiro delegado de Ansys Iberia, Gilles Lebiez. Este último lembrou que a compañía é líder en software de simulación e que en virtude do acordo asinado a EEI de Vigo situouse “no selecto grupo de institucións de educación superior que teñen ao seu alcance estas ferramentas de simulación avanzadas”.
Ignacio Armesto, pola súa banda, destacou que o software de Ansys é “unha ferramenta de cálculo moi avanzada, empregada en moi poucas universidades a nivel académico”, dado o seu prezo elevado. Tamén lembrou, máis polo miúdo, que o curso céntrase no uso das ferramentas FEM e CFD co software Ansys. No acto de apertura tamén se incidiu en que a simulación multifísica con Ansys permite reproducir de forma virtual modelos estruturais, de comportamento de fluídos e tamén electromagnéticos e eléctricos: “Todo isto dende un punto de vista integrado, interaccionando entre os diferentes modelos”. De feito, explicouse, o software de simulación permite “predicir como funcionará e reaccionará determinado produto baixo unha contorna real”. Na cita na Universidade de Vigo tamén se fixo saber que entre as firmas que tiran partido desta ferramenta atópanse algunhas de primeira nivel e especializadas en deseñar produtos de alta complexidade tecnolóxica, como Ferrari ou Airbus.
70 horas de docencia
O curso desenvolverase até o 28 de xullo en sesións de mañá e cunha duración de 70 horas. Insírese na aposta da EEI polas novas tecnoloxías e por dotar aos seus licenciados de coñecementos punteiros en simulación FEM/CFD. O acordo asinado o paso con Ansys permite o emprego do seu software de simulación, que se utiliza para predicir o funcionamento e a reacción dun determinado produto nunha contorna real. As licencias de Ansys son multidisciplinares para reflectir a natureza real dos problemas de enxeñaría, contando con suites de produto de fluídos, estruturas e electrónica, que son utilizadas en áreas de investigación, institucións educativas e empresas de todos os sectores da industria.

PUBLICIDADE