Antas de Ulla xa dispón de Internet de ata 500 Mbps simétricos con R

venres, 20 de novembro do 2020 Sonia Pena

O concello de Antas de Ulla, en Lugo, xa dispón de Internet de até 500 Mbps simétricos da operadora galega R, que vén de rematar neste termo municipal da Ulloa parte das tarefas de despregue da súa rede de fibra óptica, aproveitando ao máximo as infraestruturas existentes no termo municipal.
Deste xeito, informa a compañía de cable, “282 novos fogares e negocios destes núcleos quedaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R”. Amais, engadiu a operadora, cando se complete este plan en Antas de Ulla, tras o exercicio de 2021, a localidade lucense contará xa cuns 324 fogares e empresas con conexión ás redes de nova xeración de R.
Este e outros despregamentos na provincia de Lugo forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñan de alta velocidade ata o momento (as chamadas “zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.
En concreto, os traballos técnicos realizados en Antas de Ulla encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea.

PUBLICIDADE